martes. 07.04.2020 |
El tiempo
martes. 07.04.2020
El tiempo

O BNG denuncia o "fracaso" da Xunta en vivenda e aposta por mobilizar 4.000 domicilios

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Santiago de Compostela.XOÁN REY (Efe)
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en Santiago de Compostela.XOÁN REY (Efe)
A candidata Pontón comprométese a  "pór en marcha unha auténtica política social" nesta materia

A candidata do BNG á presidencia da Xunta, Ana Pontón, denuncia o "fracaso" das políticas da Xunta en materia de vivenda pública e comprométese, ante esta "situación alarmante", a "mobilizar 4.000 vivendas" en réxime de aluguer para os máis novos durante a próxima lexislatura se o proxecto do Bloque chega ao Goberno.

Ao seu xuízo, os dez anos do PPdeG a cargo da Administración autonómica supuxeron un "fracaso dos seus programas propagandísticos" en materia de vivenda que "escasamente conseguiron pór 16 vivendas" a disposición da cidadanía desde 2016.

Para Pontón, isto é "un síntoma do fracaso e a incompetencia" de Feijóo nesta materia, censurou este sábado ante os medios en Santiago.

Respecto destes plans "propagandísticos" do PPdeG, Pontón lembrou que "fai catro anos Feijóo comprometeuse a pór a disposición 10.000 vivendas de aluguer en 40 centros históricos de Galicia", pero a "realidade" actual evidencia "a redución en dous anos do 60% do número de vivendas no mercado", moitas destinadas ao aluguer que "hoxe teñen destino turístico".

Ademais, denuncia que se incrementaron "os alugueres nun 30% pola falta de oferta e a paralización da oferta pública", así como "a precariedade e os baixos salarios", que provocan un "gran esforzo" para facer fronte aos pagos mensuais e unha "misión imposible" no caso dos máis novos.

Ante esta situación descrita pola candidata nacionalista, o BNG comprometeuse a "pór en marcha unha auténtica política social en materiade vivenda" e "facer dela un dereito que se poida exercer".

100 MILLÓNS PARA ACCESO A VIVENDA

Para cumprir con este obxectivo, o Bloque pretende "mobilizar 4.000 vivendas ao longo da lexislatura" no marco dun plan de aluguer para mozos que "reactive as políticas sociais con medidas de tipo fiscal", xa que entenden que "se se fai presión aos fondos voitre e aos bancos" pódese recuperar vivenda e pola "a disposición das persoas". 

Igualmente, apostan por "incrementar os recursos destinados", dotando con 100 millóns de euros un plan especial de acceso e así "duplicar os fondos neste ámbito". Por último, a nivel estatal, a súa idea pasa por "modificar o marco que permite a especulación e que conculca o dereito de acceso á vivenda".

Pontón, ademais, procurou aclarar que estas medidas están pensadas para as cidades, xa que é nelas onde "á xente nova e con traballos precarios non se lles permite o acceso á vivenda".

As urbes padecen "a situación máis gravosa" e é nelas onde "se incrementa o número de desfiuzamentos" e onde máis difícil é "o acceso á vivenda digna". Cre que cidades como Santiago de Compostela evidencian este escenario e asegura que os estudantes "viven en pisos terceiromundistas" e ademais sofren un agravente que é a "escaseza". 

"Moita xente que estuda en Compostela ten que irse a vivir fóra de Santiago" polas condicións que presenta a cidade e por este motivo comprometeuse a que "o próximo Goberno liderado polo BNG garanta" a vivenda ás persoas e especialmente á "mocidade que quere emanciparse e non pode".

O BNG denuncia o "fracaso" da Xunta en vivenda e aposta por...
Comentarios