jueves. 19.09.2019 |
El tiempo
jueves. 19.09.2019
El tiempo

O BNG non asiste á inauguración da exposición de Castelao pola "manipulación" de Feijóo

Luís Bará mostra a estampa orixinal do album Galicia Mártir. B.L.
Luís Bará mostra a estampa orixinal do album Galicia Mártir. B.L.

Bará, que participou no acto de protesta de Kiko da Silva, amosouse "indignado" polas palabras do presidente da Xunta

O BNG non asistiu á inauguración da exposición de Castelao en protesta "pola censura e manipulación" do significado da súa obra realizadas por Feijóo.

O grupo realizará unha campaña de difusión da obra de Castelao por toda Galicia e levará ao Parlamento o debate sobre as xestións necesarias para que fique no país.

Luís Bará, que participou no acto cidadá que impulsou o debuxante Kiko da Silva no Museo, en protesta polas palabras de Feijóo e ao que acudiron centos de persoas que ateigaron a Sala Castelao, explicou antes, en rolda de prensa, que lle produxeran "asombro e indignación" as palabras do presidente da Xunta. "Coa mesma bala matou a dignidade de Bóveda e a obra de Castelao".

Desta maneira o BNG quixo denunciar "a ocultación e a mentira" que rodeou a chegada de A derradeira lección do mestre a Galicia. Ao tempo, Bará mostro a estampa orixinal do album Galicia Mártir e corrixiulle a Feijoo as imprecisións sobre o contexto no que se realizara a peza.

Kiko da Silva: "Nas palabras de Feijóo houbo indubidablemente unha manipulación intencionada"

Kiko da Silva, debuxando no Museo diante dos asistentes ao acto. GONZALO GARCÍA
Kiko da Silva, debuxando no Museo diante dos asistentes ao acto. GONZALO GARCÍA
 

"Nas palabras de Feijóo houbo indubidablemente unha manipulación intencionada da obra de Castelao", di o debuxante pontevedrés Kiko da Silva. O autor, director da escola O Garaxe Hermético, tiña pensado acudir este venres á inauguración da exposición Castelao maxistral no Gaiás, pero finalmente decidiu non facelo en sinal de protesta polo discurso co que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recibiu a obra A derradeira lección do mestre á súa chegada á Cidade da Cultura. "Despois de escoitalo quitáronseme as ganas", explica. "Entón decateime de que se ninguén facía nada máis que iso, non ir á inauguración, pouca xente se ía enterar do que acababa de pasar".

Da Silva lanzou unha convocatoria pública a través das redes sociais para concentrarse diante do gravado da colección Galiza Mártir, que inspirou o cadro A derradeira lección do mestre e que conserva o Museo de Pontevedra, en sinal de protesta "pola manipulación da verdade" á que a peza fora sometida por parte do presidente da Xunta, segundo di.

DEBUXO EN DIRECTO. O acto cidadá, ao que se sumaron persoas particulares como a poeta Tamara Andrés, que leu un poema de Celso Emilio Ferreiro, ademais de institucións como a Deputación Provincial e o Concello, tivo lugar ás 12.30 horas deste venres, diante da obra de Castelao (unha copia nestes momentos, xa que a orixinal está cedida).

Da Silva realizou en vivo unha versión propia desa estampa, que posteriormente ten pensado entregarlle á familia de Alexandre Bóveda, en desagravio ao telo obviado Feijóo no seu discurso, cando estudosos e historiadores dan por acreditado que Castelao o retratou aí tralo seu asasinato.

"Hoxe, máis que nunca, é fundamental reivindicar o significado tanto político como social da obra de Castelao", indica Dasilva. "Este é un acto dirixido especialmente á xente nova, para que coñeza a verdade, porque non se pode cambiar a historia por moi presidente da Xunta que un sexa".

No mesmo sentido, a presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Carmela Silva, dixo sentirse "avergoñada ante un presidente da Xunta que pretende negar o que ocorreu e, para elo, utiliza un cadro que pertence á memoria da xente, nun intento por agochar a persecución e a represión á que se someteu aos mestres".

O BNG non asiste á inauguración da exposición de Castelao pola...
Comentarios