O BNG pide ao novo Goberno que non cometa o "erro" de manter a reforma laboral

Pontón reclama unha "subida real" do salario mínimo e a eliminación do copago farmacéutico

Ana Pontón. PEPE FERRÍN
photo_camera Ana Pontón. PEPE FERRÍN

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afirmou este luns que un dos "primeiros erros" do novo Goberno do PSOE é manter a reforma laboral aprobada polo anterior Executivo e, nese sentido, reclamou "cambiar o rumbo das políticas sociais e laborais". En rolda de prensa, a nacionalista demandou cambios de calado porque "supón un perigo" para os cidadáns "non eliminar o copago farmacéutico ou ser timorato coas reformas laborais".

"Vemos con preocupación" as primeiras accións do PSOE á fronte do Goberno central ao entender que os "primeiros pasos deberían ir na senda de derrogar a reforma laboral", aplicar unha "subida real do Salario Mínimo Interprofesional (SMI)" ou "eliminar as contrarreformas que tamén empobrecen os pensionistas como o copago farmacéutico". "Cremos que pedro Sánchez ten opción de rectificar" e aplicar verdadeiras reformas para que se dean no Estado verdadeiros "cambios" demostrando que PP e PSOE "non son meramente alternantes".

Ana Pontón incidiu na necesidade que presenta Galicia en canto a un cambio de rumbo nas políticas laborais porque, a nivel autonómico, a Xunta "durante estes anos non tivo ningunha política real de emprego, e deixaron sen executar 1.000 millóns de euros destinadas a políticas activas de emprego". Con iso, o Goberno do PPdeG demostrou un "gran desleixo" neste sentido posto que "foi incapaz de xestionar os seus propios orzamentos".

"Desde que goberna (Alberto Núñez) Feijóo hai 25.500 persoas máis en paro e a taxa de desemprego subiu en 3 puntos", denunciou a nacionalista que agregou que na actualidade hai "menos xente con traballo que cando o PPdeG chegou ao Goberno da Xunta". Tamén puxo o foco sobre o problema de lle emigración e a brecha salarial entre homes e mulleres a pesar da "propaganda" institucional.

Deste xeito, Pontón urxiu medidas eficaces que freen "o empobrecimiento" da sociedade galega, para o que é necesario "cambiar o marco actual", sentenciou.

Comentarios