O BNG pide a comparecencia de Comesaña polos problemas na Atención Primaria

"Están a vulnerar un dereito fundamental, como é o dereito á saúde", asegurou Olalla Rodil
Olalla Rodil. AEP
photo_camera Olalla Rodil. AEP

A viceportavoz do BNG, a lucense Olalla Rodil, anunciou que este mércores van rexistrar "unha solicitude de comparecencia" do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, pola "avalancha de problemas" nos centros de Atención Primaria en toda Galicia. 

Requíreselle "para que explique a situación en Atención Primaria e a decisión que tomou a Xunta en 14 centros de saúde da área sanitaria de Vigo que acaban de convertelos en PACs de urxencias e non dan abasto". 

"A covid é unha prioridade, a pandemia é unha urxencia pero non podemos botar ao carón as outras enfermidades. Están a vulnerar un dereito fundamental, como é o dereito á saúde, do conxunto da poboación de Galicia. Terán que dar a cara e dar explicacións", protestou. 

A parlamentaria non dubida que "isto é consecuencia das políticas de recortes e desmantelamento da Atención Primaria que leva aplicando o PP nos últimos doce anos". 

Outro aspecto que sitúa "como a pinga que colma o vaso" é que "se pretende parchear esta situación contratando a persoal médico xubilado". "Este parece un goberno que actúa como un pito sen cabeza. Despois de que se marchasen centos de persoas formadas na facultade de Medicina de Santiago, ou o persoal de enfermaría que se ten que ir a outros países porque aquí lles asinan contratos en precario, agora trátannos de facer crer que falta persoal médico e hai que buscar aos xubilados", sinala. 

En canto á Atención Primaria, Olalla Rodil insistiu en que "o que vemos é unha saturación enorme dos centros de saúde, que é consecuencia directa das políticas de recortes que leva aplicando o PP nos máis de doce anos de gobernos de Feijóo". 

A viceportavoz do BNG reparou en que "isto se reflicte nos orzamentos (de Galicia) que acaban de entrar en vigor o 1 de xaneiro con 2,2 millóns de euros menos en Atención Primaria que o ano pasado, ademais dos 47 millóns menos que destínanse desde 2009". 

"O persoal está exhausto despois do vivido coa pandemia. Isto é o resultado das políticas de desmantelamento da Atención Primaria que aplicou o PP na última época", incide finalmente nas súas criticas a parlamentaria nacionalista por Lugo.