O BNG presenta unha emenda aos orzamentos da Xunta para mobilizar 1.600 millóns de euros

Noa Presas tacha as contas presentadas polo Goberno de Feijóo de "rutineiras", coma se "non existise unha pandemia"
Imaxe de arquivo de Noa Presas. EP
photo_camera Imaxe de arquivo de Noa Presas. EP

O BNG presentou no Parlamento galego unha emenda á totalidade aos orzamentos da Xunta para o 2021 cunha proposta alternativa que, segundo explicou a deputada Noa Presas, pretende mobilizar 1.600 millóns de euros para atender "as necesidades" derivadas da crise sanitaria do coronavirus.

En declaracións remitidas aos medios este domingo, a parlamentaria nacionalista cualificou as contas enviadas á Cámara polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo de "oportunidade perdida" e "rutineiras", xa que "se presentan coma se non existise unha pandemia". Por iso, o Bloque pretende mobilizar 1.600 millóns de euros a través dunha emenda á totalidade --que se abordará no pleno desta semana-- con tres obxectivos: "Atender ás urxencias de sectores económicos ao bordo da ruína, reforzar a sanidade pública e sentar as bases para unha economía verde baseada na ciencia e na investigación".

Ademais, Noa Presas advertiu que as contas da Xunta para 2021 serán "as únicas" expansivas da lexislatura --cuns 11.600 millóns, un 14 por cento máis que as de 2020-- e porque contarán "con fondos extraordinarios" que chegan desde o Estado e desde a Unión Europea". Así, entre as propostas que fai o BNG para "mellorar" os orzamentos, están 250 millóns para "reforzar" a Atención Primaria, 100 millóns en axudas directas para a hostalaría e o turismo e outros 100 millóns para fomentar a contratación estable e reducir as listas de espera no Servizo Galego de Saúde (Sergas).

No ámbito social, a emenda dos nacionalistas inclúe 240 millóns para "reforzar" a educación e "acabar coa fenda dixital" nun momento en que a teledocendia "demostrou que hai alumnado que pode quedar atrás por falta de medios" e outros 40 millóns para incrementar as pensións non contributivas.

Comentarios