viernes. 25.09.2020 |
El tiempo
viernes. 25.09.2020
El tiempo

O BNG propón unha compensación económica para todos os sanitarios

Ana Pontón. EFE
Ana Pontón. EFE
Pontón pide a comparecencia do conselleiro de Sanidade tras denunciar a CIG que se prescindía do persoal temporal contaxiado 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, propón á Xunta a aprobación urxente dunha "gratificación extraordinaria" para todo o persoal sanitario polo seu "gran esforzo" e o "risco de contaxio" ao que se expoñen durante a crise do coronavirus. A través dun comunicado, a líder nacionalista explica que estes profesionais "non só merecen o aplauso que reciben da cidadanía todos os días desde as fiestras e balcóns", senón que tamén é necesario un "recoñecemento" por parte da Administración. 

Ademais, Ana Pontón esixe ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) "garantías de protección" para a sanitarios fronte ao covid-19 e pór punto final "á precariedade" no sistema autonómico. "O mellor aplauso a todos e todas as traballadoras da sanidade pública sen recortes nin privatizacións", subliña a portavoz nacional do Bloque. 

Neste contexto, Pontón valora que todo o persoal "está a dar o mellor de si" a pesar das circunstancias nas que desenvolven o seu traballo. "Segue sendo motivo de preocupación que a día de hoxe continúen sen o material de protección suficiente e adecuado contra o risco de contaxio", asevera o BNG.  Tampouco hai "axilidade" na realización de probas, "fallan os protocolos" e hai centros nos que se "mestura no mesmo cuarto a pacientes sans con pacientes contaxiados de coronavirus", denuncia a formación.

PIDE COMPARECENCIA DE ALMUIÑA. Neste contexto de "precariedade" que advirte, a portavoz nacional do BNG recolle a denuncia da CIG e censura que o Sergas "despediu a persoal temporal que contraeu o coronavirus".  "Aínda que a Xunta rectificou, o simple feito de que isto pasase é dunha enorme gravidade e deixa ao descuberto unha política laboral que non podemos compartir baixo ningunha circunstancia", engade. 

Dado que todo iso "merece unha explicación", Pontón esixe que o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, compareza no Parlamento galego e que "se restitúan os dereitos de todas e cada unha das persoas que foron despedidas". 

O BNG propón unha compensación económica para todos os sanitarios
Comentarios