O BNG propón desde Lalín investir no rural 1.250 millóns con fondos 'Next Generation'

Pontón expón catro ámbitos de actuación: produción agroalimentaria, distribución e comercialización, diversificación económica e servizos públicos "de calidade"
Pontón, en Lalín, con otros miembros del BNG. DP
photo_camera Pontón, en Lalín, con otros miembros del BNG. DP

O BNG elixiu Lalín para presentar os seus proxectos para o medio rural financiables con cargo aos fondos europeos de recuperación, Next Generation. En concreto, propón mobilizar un investimento de 1.250 millóns para a revitalización do medio rural, actuando en catro ámbitos: produción agroalimentaria, distribución e comercialización dos produtos do sector primario, diversificación económica e servizos públicos "de calidade". 

O obxectivo deste plan, segundo explicou a portavoz nacional, Ana Pontón, é "garantir un rural vivo no económico e no social, sostible no ambiental e con servizos públicos de calidade á altura do século XXI e sen discriminar aos galegos polo seu lugar de residencia". 

De feito, mostrouse convencida de que, para saír da crise, é "imprescindible" incorporar ao rural como "parte estratéxica da Galicia do futuro", que debe avanzar "á mesma velocidade que o conxunto do país, porque a cohesión territorial é clave". 

O plan do Bloque aposta, así, por un medio rural "como espazo para vivir e traballar en igualdade de condicións que en calquera cidade" e recolle actuacións no ámbito da produción, comercialización e dos servizos públicos.

EMPRESA LÁCTEA PÚBLICO-PRIVADA. Unha das leccións da pandemia, remarcou Pontón, foi "a importancia do rural como gran despensa capaz de abastecer de produtos frescos e elaborados de excelente calidade", polo que o proxecto do BNG, recolle medidas para potenciar a produción de calidade e sostible. 

Entre elas, unha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido. 

Neste ámbito, tamén se inclúen medidas como impulsar a agroecología e a produción hortifrutícola, para fomentar a gandería extensiva de produción de carne e para recuperar terras agrarias, tanto forestadas como abandonadas: 100.000 hectáreas na próxima década.

ECONOMÍA CIRCULAR: PRESENTACIÓN EN OURENSE. Por outra banda, o Bloque avanzou que presentará en Ourense as propostas en materia de economía circular incluídas no seu documento Xerar Futuro, Galiza Next

A presentación realizaraa Pontón o vindeiro luns 22 de marzo e convocará a todos os alcaldes, responsables municipais e outros dirixentes da formación na provincia. A cita coincidirá co Día Mundial da auga, remarca o BNG, que subliña que se busca reforzar a aposta por un novo modelo económico verde e sostible. 

Comentarios