O BNG reclama 33 pezas artísticas que "foron expoliadas" durante o século XIX e o Franquismo

O partido pretende reclamalas ao Goberno central e recuperar o patrimonio a través da "vontade política"
Néstor Rego. AEP
photo_camera Néstor Rego. AEP

O candidato do BNG ao Congreso pola Coruña, Néstor Rego, reclamou este sábado ao Goberno central a devolución para Galicia de 33 pezas artísticas, localizadas hoxe no Museo Arqueolóxico Nacional, que foron expoliadas da Comunidade durante o século XIX e ao longo do Franquismo. 

Rego criticou, este sabado na Praza da Quintana en Santiago, que "o país fose expoliado de todas as formas posibles" e que na actualidade todo ese "patrimonio documental e artístico" se atope repartido por todo o Estado, en lugar de recuperalo para Galicia. 

Ao seu xuízo, esta devolución resulta "fundamental" para desenvolver "un dos modelos de turismo" que máis "encaixa en Galicia, que é sustentable e que resulta un factor de desenvolvemento económico" como o turismo cultural. 

En concreto, o BNG realizou un recompilatorio documental dunha serie de pezas artísticas "de extraordinario valor" situadas no Museo Arqueolóxico Nacional que engloba dende esculturas, ata obxectos da cultura castrexa, xoias artesás ou obras da arte románico da Catedral de Santiago, entre outros lugares emblemáticos do territorio galego. 

Rego apuntou que a vía xudicial sería o último recurso que o Bloque utilizaría para conseguir o seu propósito

O partido pretende reclamalas ao Goberno central e recuperar o patrimonio a través da "vontade política", xa que entende que ademais existen "precedentes" para que leve a cabo esta devolución. En concreto, Rego referiuse á sentenza que supuxo que Cataluña tivese que devolver un conxunto de obxectos artísticos a Aragón. 

Con todo, apuntou que a vía xudicial sería o último recurso que o Bloque utilizaría para conseguir o seu propósito. De feito, lembrou que en 2006 o deputado nacionalista Francisco Rodríguez abordou este problema sobre o espolio no Congreso e despois de que a súa iniciativa saíse adiante, "pasaron 13 anos pero aínda non se executou". 

Neste sentido, comprometeuse a traballar na mesma liña na que o fixo Rodríguez se o BNG recupera representación no Congreso nas eleccións xerais, aínda que cre que "o lóxico" sería que "se en Galicia houbese un Goberno merecedor de tal nome" se encargase de tramitar un "inventario completo" para logo negociar co Goberno central. 

Comentarios