O BNG reclamará no Parlamento máis recursos para Atención Primaria

Montse Prado ve "urxente" mellorar o servizo
Montse Prado. BNG
photo_camera Montse Prado. BNG

O BNG rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para "normalizar" a presencialidade e "mellorar" a Atención Primaria do Servizo Galego de Saúde (Sergas). Para iso, a formación ve "urxente" dotar á sanidade de máis "recursos". 

A portavoz sanitaria do Bloque na Cámara, Montse Prado, defenderá así a posta en marcha dun plan de mellora da Atención Primaria, xa que "pode chegar a un nivel de non retorno se non se actúa de inmediato". 

"A Xunta está desescalando a actividade económica, lúdica e social, polo que non hai ningunha xustificación para non facer o mesmo coa atención sanitaria e empezar pola Atención Primaria", recalca Prado, en declaracións aos medios. 

A deputada do BNG lembra que, un ano despois do inicio da pandemia, calquera patoloxía distinta da covid-19 "require semanas de espera" cunha porcentaxe de atención presencial "que non chega ao 50 por cento", o que está a provocar "un malestar social e profesional cada vez máis elevado". 

Por iso, Prado advirte que "non é posible atender a unha situación excepcional como a actual" sen "máis recursos" e "obrigando aos profesionais a traballar con déficits de persoal e cada vez máis esgotados".

REDUCIR LISTAS DE ESPERA E COLAS. Ante esta situación, o BNG propón no Parlamento "normalizar" a atención presencial a través dun incremento do número de profesionais e implementando protocolos preventivos. Deste xeito, poderíase "dar resposta" ás necesidades sanitarias da cidadanía e acabar "coas listas de espera e as colas ás portas dos centros de saúde". 

Paralelamente, Montse Prado defende que haxa un protocolo "claro e unificado" para que todos os centros de Atención Primaria garantan un acceso "equitativo": "Hai que definir claramente que se atende presencialmente e que por teléfono". 

Así mesmo, o Bloque avoga por aumentar o persoal de atención telefónica para que esta se preste "sen demoras" e "coa calidade necesaria", ademais dun "reforzo" nos equipos de limpeza de ambulatorios e puntos de atención continuada (PAC).

PLAN DE RECURSOS HUMANOS. Para iso, propón tamén un plan de ordenación de recursos humanos para identificar as prazas necesarias que consigan acabar "coa sobrecarga" actual e a "precariedade laboral". 

"As e os profesionais non son de goma, non se poden estirar indefinidamente. Se non se aumentan os recursos é imposible dar resposta ás necesidades sanitarias das galegas e os galegos", subliña Prado, para seguidamente lembrar á Xunta que "a falta de profesionais e recursos non se solucionan cunha app que acaba de anunciar" para as consultas.

INCREMENTO DE ORZAMENTO PARA ATENCIÓN PRIMARIA. Entre as demandas do Bloque levadas ao Parlamento se inclúe o compromiso de aumentar progresivamente o orzamento para Atención Primaria até o 25 por cento e a creación de Xerencias propias con "capacidade de decisión" sobre recursos tanto económicos como humanos. 

De igual modo, recolle un maior acceso a probas diagnósticas, un incremento de profesionais e a incorporación de servizos como Psicoloxía Clínica, Terapia Ocupacional, Logopedia, Podoloxía e Traballo Social, entre outras. 

Comentarios