"Debemos trasladar un proxecto de Galicia que sexa quen de reilusionar"

Borja San Ramón vén de gañar as primarias que renovaron a dirección de Podemos Galicia. Agora, o partido encara un novo ciclo, cargado de visitas ás urnas e coa irrupción do Sumar de Yolanda Díaz no horizonte, no que afrontará o reto de reflotar tras o afundimento de 2019.
Borja San Ramón (Ferrol, 1991), coordinador autonómico de Podemos Galicia. EUROPA PRESS
photo_camera Borja San Ramón (Ferrol, 1991), coordinador autonómico de Podemos Galicia. EUROPA PRESS

Que tal está Podemos Galicia? 
En ebulición. Levamos vivindo no último terzo do ano as eleccións internas para elixir dirección nova e as primarias para os candidatos ás municipais. E estamos xa co foco posto no novo ciclo político, porque nun tramo de 18 meses temos eleccións municipais, xerais, europeas e galegas. A nosa decisión política é estar como Podemos Galicia en todas estas xanelas electorais. Agora estamos a traballar man a man con todos os candidatos para as municipais. Ao final, coa idiosincrasia multifactorial de Galicia, temos moitas casuísticas dentro do noso espazo político porque, dependendo da cidade, hai actores distintos. Todos os executivos locais están en proceso de negociacións para chegar a acordos amplos para que as candidaturas recollan máis sensibilidades e teñan máis apoios.

O partido poderá resarcirse dos últimos resultados que o deixaron fóra do Parlamento galego e dos principais gobernos municipais? 
Somos positivos, pero obviamente sendo realistas co que hai. Os resultados de 2019 foron unha decepción, un baño de realidade con respecto ao traballo que levaba facendo. Se cadra non tanto a nivel lexislativo, porque eu creo que as candidaturas que armamos si tiveron propostas moi interesantes, pero creo que estar constantemente falando de nós mesmos ou de cuestións que non tiñan que ver co traballo que nos puxeron os galegos no Parlamento e as distintas institucións pasounos moita factura, porque ao final o electorado de esquerdas é moito máis crítico co labor dos seus representantes públicos. Tócanos aprender as leccións do anterior ciclo político, que xa está pechado, e recoller as experiencias e o traballo que estamos a despregar no Goberno do Estado, en distintas autonomías e en moitas cidades para facer un proxecto tamén para Galicia. 

Onde espera reencontrar agora os votos que se deixaron daquela? 
Nas últimas eleccións xerais fomos terceira forza en Galicia. Temos un espazo político que está consolidado, máis aló de que obviamente temos que trasladar proxectos políticos claros, desde Galicia e para Galicia, que sexan quen de reilusionar coa capacidade que poñer encima da mesa servizos públicos, coidados, vertebración territorial, transición enerxética, emprego, vivenda, saúde mental... 

Mantén unha activa axenda desde que en decembro venceu nas primarias. Considera que puido terse desatendido o partido desde os resultados de 2019? 
Eu tiven responsabilidades anteriormente na organización, nunha segunda liña, e non paraba de facer quilómetros. Levamos cun traballo discreto desde 2019, de acumulación de forzas, de ir traballando aos poucos todos os proxectos que temos por diante. Agora temos que visibilizalo. Toca un momento de expansión que se ten que traducir nas candidaturas ás municipais, no proxecto para as galegas, en seguir expoñendo para o Estado un Goberno de coalición progresista e transformador. Niso estamos centrados. 

Para as municipais do 28 de maio, onde ve máis posibilidades de entrar no goberno local? 
Non nos poñemos cancelas. Temos proxecto de listas en todas as cidades de Galicia. Nesas primarias de outubro presentáronse case 200 persoas en 50 concellos que representan máis ou menos o 60% do censo electoral. Hai xente traballando en moitos sitios, en aldeas pequenas, vilas medianas e cidades. Estamos para achegar a nosa experiencia e a nosa visión a todos os gobernos de esquerdas para reforzalos e, nos sitios onde non estea a gobernar unha coalición de progreso, para achegar os nosos votos e mobilizar á xente que queira opcións de cambio. 

Entón como se está a desenvolver a negociación para esas candidaturas amplas nas cidades? 
As conversas son positivas. Está a habelas en todas as cidades e, se non é no 100%, no 99% delas imos chegar a acordos. En principio non hai ningunha negociación que vaia mal, pero aínda non hai ningunha pechada. E tamén se está traballando para buscar marcas comúns para as deputacións provinciais. 

Que condicións mínimas fixa Podemos para estas alianzas? 
Eu digo a todos os candidatos que as liñas vermellas non serven. O que temos claro é unha decisión política, fixada no documento aprobado nas últimas primarias, de que Podemos ten que estar no próximo ciclo político. Iso significa que ten que estar cos seus candidatos, coa súa marca e co seu programa electoral. A partir de aí temos que traballar candidaturas amplas incorporando todo o espazo político que se poida achegar, como partidos políticos, asociacións veciñais, representantes dos tecidos sociais sociais... Cada executiva local ten flexibilidade para expor as candidaturas que entendan que son as máis competitivas para lograr o obxectivo final: ter o maior número de gobernos de progreso.

"Estamos a falar con militantes de EU e con xente que formaba parte de Marea Pontevedra"

Como será a candidatura de Podemos en Pontevedra para as eleccións municipais?
Nas conversas estamos a falar con militantes de Esquerda Unida e con xente que formaba parte de Marea Pontevedra para ver se se queren sumar a unha candidatura liderada por Podemos, con María Luisa Lores como candidata, que represente todo ese espazo. Está a expoñerse esa candidaturas onde estea Podemos e que se sumen todos os actores posibles. Estranaríame moito que non haxa só unha candidatura.

Cal é o prazo límite para rematar a decisión ao respecto?
Neste mes van ir caendo unha por unha, sexa en positivo ou sexa en negativo. Aprendemos do ciclo político anterior que queremos deixar atrás iso de chegar a acordos no último segundo do último minuto do último día do prazo. Por iso fixemos esas primarias para as municipais en outubro e traballamos a partir de aí nas papeletas.

"O maior temor de Rueda é que o convertan en Alfonso o Breve"

Como ve ao PP na Xunta tras a marcha de Feijóo?
Rueda é un presidente por accidente e o maior temor que ten é que os galegos o convertan en Alfonso o Breve. Creo que se están centrando neles mesmos e os problemas de Galicia quedan en segundo plano. Iso tradúcese, por exemplo, na mobilización do 12 de febreiro convocada por SOS Sanidade Pública. Tamén na cuestión da vivenda, un problema expor proxectos de vida neste país: o número de demandantes de alugueiro no rexistro da Xunta triplica os inmobles ofertados. E, na vertebración territorial, na incapacidade para ter unhas comunicacións e un transporte público digno e de calidade. Rueda atopouse no Goberno por accidente. E os espazos políticos temos que ser capaces de visibilizar unha alternativa. Iso lógrase con unidade de acción, deixando atrás as axendas propias e sendo capaces de traballar propostas que ofrezan esas alternativas. E a nosa organización naceu sen ningún problema con traballar as contradicións se significan medidas concretas que melloren a vida da xente: a subida do salario mínimo interprofesional conséguese porque estamos nun Goberno de coalición presionando.

Cre que a esquerda pode bater aos populares nas autonómicas do ano próximo? 
Estou convencido de que, se cada quen fai o seu traballo e expoñemos as mellores candidaturas, vai haber un Goberno alternativo ao PP. 

E que ocorrerá co proxecto de Yolanda Díaz? 
Sumar non se presentará ás municipais nin as autonómicas e está a prepararse para as xerais, polo que, como dirección galega, tócanos estar centrados no noso. Estou absolutamente convencido de que nosas responsables políticas van chegar a un acordo, máis aló das tensións que se dan cando se elaboran candidaturas con xente distinta. O noso obxectivo desde Galicia é traballar para que Yolanda Díaz sexa a próxima presidenta do Goberno e Ione Belarra e Irene Montero, as vicepresidentas. 

Veo posible? 
Como dicía antes, nunca nos poñemos cancelas. Podemos naceu con vocación de gobernar, de cambiar as cousas, e a partir de aí os electores póñennos a cada un nos nosos sitios e tocará xestionar cos resultados que se dean.

Comentarios