Bruzos nega que a súa candidatura a En Marea sexa un "pacto de cúpulas"

A lista Entre todas chama a "reactivar" En Marea a través da "coralidade" das organizacións e mareas locais 

David Bruzos, en el centro. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera David Bruzos na presentación da candidatura Entre Todas. PEPE FERRÍN (AGN)

A candidatura Entre todas, integrada polos partidos e mareas críticas coa actual dirección de En Marea, foi presentada este martes nunha rolda de prensa na que o seu cabeza de lista, o exdeputado David Bruzos, sinalou que o obxectivo é "reactivar" o partido instrumental a través da "coralidade" e as achegas das organizacións políticas e mareas locais. 

Arroupado pola práctica totalidade das 35 persoas que o acompañan na lista ao Consello das Mareas, David Bruzos rexeitou as acusacións lanzadas polo actual portavoz, Luís Villares, que encabeza a outra lista en liza e que cre que Entre todas xorde dun "pacto de cúpulas" para a "repartición de cadeiras" entre Podemos, EU, Anova e as mareas de Santiago, Ferrol e A Coruña. 

Nunha rolda de prensa celebrada en Santiago, o exparlamentario incidiu en que "respecta" a opinión do portavoz pero nega esta análise. Para Bruzos, a participación das organizacións políticas e as mareas que se desentenderan do funcionamento interno de En Marea supón un activo co que "non se pode deixar de contar". 

A candidatura, pechada a última hora do venres (día no que se pechaba o prazo de presentación), conta con maior presencia de membros de Podemos Galicia, cuxa dirección acordou a pasada semana implicarse activamente no funcionamento do partido instrumental, que copan sete dos postos de saída da lista. Catro son para Esquerda Unida, os mesmos que para Anova, mentres que as mareas municipalistas de Santiago, A Coruña e Ferrol repártense tres. 

"¿Que quedaría de En Marea se non estivesen? ¿Como lles imos dicir que non estean aquí?", remarcou en referencia á participación dos partidos e proxectos municipalistas que integran a candidatura que o lidera este profesor ourensán, que recoñeceu que "era difícil negarse" á chamada a encabezar a lista.

ACHEGA DE MAREAS NON URBANAS. Tamén se referiu ás afirmacións de Villares, que apela á súa candidatura como a "única" que goza de representación de 17 mareas de localidades de distintos tamaños e non só de carácter urbano. David Bruzos cre que "non é relevante entrar nunha batalla de números" e pon o acento en que na súa lista figuran persoas con "perfís de todo tipo" e procedencias diferentes. 

O cabeza de lista de Entre todas recoñece que nas eleccións ao Consello das Mareas que arrincan este sábado compiten "dúas formas de entender o proxecto": a de Luís Villares e os seus afíns fronte á do sector crítico, que busca "reactivar as ondas do cambio" que lograron "o fantástico resultado" das eleccións municipais e xenerais de 2015. 

Unha "reactivación" que, segundo Bruzos, debe lograrse coa "integración" das mareas e os partidos para "sumar máis voces" de cara a facer de En Marea un proxecto "máis forte" co obxectivo de "construír maiorías diversas e mestizas", algo que, ao seu xuízo, "deixou de existir" nos últimos tempos debido ao rumbo tomado pola dirección que lidera Villares. 

Para iso, ve necesario que "todo o mundo se sinta cómodo" no espazo político para achegar "unha visión diferente" ao proxecto. Con todo, descarta pronunciarse sobre se unha derrota de Villares implicaría que o maxistrado lucense tería que abandonar a portavocía parlamentaria. 

Tampouco quixo entrar na fórmula que escollerán para a portavocía orgánica de En Marea e limitouse a subliñar que apostan por articular un modelo baseado na "coralidade" que se irá "construíndo".

ORIANA MÉNDEZ E SAÍNZA RUIZ. Durante o acto, no que André Seone de Compostela Aberta actuou como "mestre de cerimonias", interviñeron o número dous e catro da candidatura, Oriana Méndez (Anova/Marea de Vigo) e Saínza Ruiz (Esquerda Unida/Ferrol en Común). 

Ruiz apelou a abrir un "novo ciclo" en En Marea para convertelo nun "espazo inclusivo" que "ilusione a todos"; mentres que Oriana Méndez chamou a evitar que o proxecto "se conforme con ser testemuñal ou a contestación aceptada polo réxime do 78". 

Comentarios