Caballero apela á militancia do PSdeG a votar en liberdade sen "presións"

Pide o apoio á militancia en Ourense fronte aos que preferiron "asesorar en materia de transparencia" a Baltar 
Caballero, este martes en Xinzo. TWITTER
photo_camera Caballero, este martes en Xinzo. TWITTER

O candidato a revalidar a Secretaría Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, apelou aos militantes socialistas a votar en "liberdade" e "sen ningún tipo de indicación, de instrución ou de presión" por parte de "ninguén" nas primarias que o Partido Socialista de Galicia celebrará o próximo día 30 de outubro. 

Na xornada na que arrinca a campaña e preguntado sobre este proceso interno nun acto en Santiago de Compostela, Gonzalo Caballero animou a toda a militancia a "acudir a votar" con "liberdade". "Porque a liberdade é fundamental en calquera proceso democrático", subliñou. 

"Temos que acertar no proxecto de futuro para Galicia e ese proxecto hai que facelo fortalecendo o partido desde a esquerda, desde o galeguismo e sempre coas referencias do noso partido", sinalou nunhas declaracións nas que erixiu aos expresidentes da Xunta Emilio Pérez Touriño e Fernando González Laxe en "referencia". 

Despois de participar nunhas xornadas sobre o 40 aniversario do Estatuto de Autonomía de Galicia, Gonzalo Caballero sinalou que Touriño e Laxe "construíron a mellor Galicia desde o Goberno" da Xunta. "E eu vou seguir traballando coa forza da militancia para seguir avanzando e para non retroceder", apuntou. 

Para iso, mostrouse con "ilusión" e "ganas". "Percibo que a militancia quere seguir avanzando pola esquerda cun proxecto galeguista, alternativo ao PP, coa redición feita por Laxe e Touriño á construción dun proxecto que sexa o maioritario para o progreso de Galicia", destacou.

ACTOS EN XINZO E EN CELANOVA. Por outra banda, Gonzalo Caballero mantivo este martes senllos encontros coa militancia do PSdeG nas casas do pobo de Xinzo de Limia e Celanova, no día que arrinca oficialmente a campaña das primarias. 

Desde a provincia ourensá, o aspirante a revalidar a secretaría xeral do PSdeG volveu facer un chamamento a votar "en liberdade" sen "presións". 

"É a militancia a que manda", sinalou para reivindicar así a forza da militancia que quere "seguir avanzando pola esquerda" para dar Galicia unha alternativa de progreso. 

Nos actos, dos que informou a súa candidatura nun comunicado, o dirixente socialista mostrouse "cheo de ganas e de ilusión". "Vexo unha maioría que quere avanzar pola esquerda, avanzar no galeguismo, avanzar no feminismo, avanzar no ecoloxismo e avanzar no compromiso ético", remarcou para chamar a "gañar dentro, coa forza da militancia, para gañar fóra, coa cidadanía". 

Ademais, puxo en valor o "orgullo socialista" dos compañeiros e compañeiras socialistas que levan décadas loitando contra "o caciquismo do PP" na provincia de Ourense. A todos eles pediulles apoio nas primarias fronte aos que preferiron "asesorar en materia de transparencia" a Baltar. 

Comentarios