Caballero propón un Goberno progresista para "rearmar" a sanidade tras "11 anos de recortes"

Un informe de expertos sanitarios para o PSdeG advirte da falta de persoal, recursos e de compromiso cos hospitais comarcais
Caballero recibiu este sábado o informe de mans de María José Rubio. PSOE
photo_camera Caballero recibiu este sábado o informe de mans de María José Rubio. PSOE

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, insistiu este sábado na importancia de avanzar cara a "un novo modelo sanitario" en Galicia a través dun goberno progresista que "rearmará" o sistema público tres "once anos de recortes do PP de Feijóo". 

"Esta vai ser a nosa folla de ruta", subliñou, para garantir que o seu Executivo ofertaría contratos estables para todos os profesionais dispoñibles, traballaría no fortalecemento da atención primaria e no mantemento e ampliación dos hospitais comarcais

Caballero recibiu este sábado, da man da que foi conselleira do bipartito Maria José Rubio, as conclusións do comité sanitario formado por 50 expertos e achegas de diversos colectivos para abordar a situación da sanidade pública, o impacto do coronavirus e os cambios e actuacións máis urxentes. O documento foi encargado co obxectivo de que os socialistas galegos orienten o seu programa para ofrecer o "mellor proxecto" de goberno no ámbito sanitario ante as eleccións autonómicas do 12 de xullo.

O documento alerta da perda de máis de 1.100 profesionais en atención primaria

O obxectivo co que se presenta o texto é contar co "mellor proxecto de goberno no ámbito sanitario", para o que se contou con contribucións de profesionais e expertos en xestión como o exdirector de Saúde Pública, Ramón Medina. 

O documento apunta o impacto "dunha década de recortes" e calcula que se perderon máis de 1.100 profesionais en atención primaria. Contrapón o nivel de estabilidade logrado durante o Executivo presidido por Emilio Pérez Touriño, que se situaba por encima do 90%. Así mesmo, lembra o incremento orzamentario en Sanidade rexistrado daquela con respecto aos anteriores mandatos do PP, que, segundo din, deixaron unha débeda "de máis de 400 millóns de euros" no Sergas "saneada" polo goberno bipartito.

Os socialistas denuncian que a chegada de Feijóo derivou en "acumulacións de esperas" e "saturacións dos servizos de urxencia", debido aos recortes practicados, e que levaron a unha "conflitividade" en atención primaria con "folgas" e ata "dimisións" pola situación do persoal. 

No que respecta á batalla contra o coronavirus, os expertos inciden en que Galicia estaba entre as comunidades que recibiron a alerta "nunha fase incipiente do ataque" e beneficiouse "en mellor momento das medidas tomadas" polo Goberno central. 

Comentarios