Caetano Díaz: ''Manteremos na Rede o espírito crítico de 'Galicia Hoxe''

Tras moitas primaveras, onte, 28 de xuño, saíu á rúa a derradeira edición do único xornal de pago integramente en galego, que, curiosamente, se esgotou en moitos quioscos. Nela, o seu director, Caetano Díaz, despedíase sinalando a Núñez Feijóo como responsable do peche do que foi un xornal comprometido coa cultura e coa defensa da lingua galega.

Pregunta: ¿Como ve o futuro do xornalismo galego e en galego despois do peche de ‘Galicia Hoxe’?
Resposta: Augúroo moi complicado en Galicia. Sempre entendín o xornalismo en galego como unha aventura necesaria, pero economicamente inviable sen as axudas públicas. É algo que nalgúns sectores, con esta onda ultraliberal que está percorrendo o país, non se entende ben ou non se quere entender. Pero como eu son da vella escola sempre me ensinaron a diferenciar os negocios xornalísticos da profesión. Entendendo que os periódicos teñen que
ter un compoñente necesario de negocio e que a empresa xornalística vai moito máis alá dos cartos.

Desde logo unha empresa periodística en galego vai moito máis aló. Precisa dunha  discriminación positiva, axudas públicas establecidas con claridade; creo que non só os medios en galego. As axudas dependen do Goberno que as concede no canto de depender do
Parlamento que cada catro anos eliximos os galegos.

P: ¿Aparte do apoio económico cree que fallou o apoio dos ‘non lectores’?
R: É evidente... Galicia Hoxe nunca foi un produto maioritario, pero si visible. Foi un medio pequeno que poñía en circulación menos de 3.000 exemplares e chegaba a puntos estratéxicos e sensibles da sociedade galega. Iso é algo que hai que valorar; que un periódico sexa minoritario non implica que teña que morrer.Nós fixemos unha aposta desde a empresa privada en defensa do sinal de identidade deste país, e así o entendeu a Administración da agónica era Fraga, na que recibimos un apoio institucional que, aínda que nunca tivo que ver cos que se conceden en Cataluña ou no País Vasco, a nós nos chegaba para sobrevivir.

Todo iso morreu co Goberno de Feijóo e, sentíndoo moito, teño que sinalar o presidente da Xunta como a principal causa do peche do xornal.

P: Pero Galicia Hoxe seguirá existindo en formato dixital...
R: Manteremos na Rede o mesmo espírito de periodismo crítico de Galicia Hoxe. Nós entendemos que as voces unívocas e unísonas non son boas para a saúde democrática
da sociedade, e que a pluralidade dentro da tolerancia e o respecto é un valor dunha sociedade
avanzada. Reivindicamos o noso dereito a manter ese periodismo, polo menos na web.

P: Durante estes días recibiría moitas mensaxes de apoio...
R:  Por suposto e, aínda que non son proclive ás lamentacións, agradezo e entendo aos amigos que chamen e mostren a súa solidaridade e o seu apoio. A única persoa que se puxo en contacto comigo foi o secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo. O único alto cargo do Goberno de Feijóo co que mantivemos unha relación de cordialidade e respecto mutuo. Fomos críticos con políticas importantes que tivo que desenvolver e el foi crítico
coa nosa liña editorial, pero ao mesmo tempo mantivemos pontes de diálogo. O meu xefe, José Manuel Rey, tamén recibiu onte unha chamada do secretario xeral de Medios da Xunta.

P: ¿Con que quedaría despois destes 8 anos de Galicia Hoxe?
R: Quedo con 8 anos marabillosos e estou orgulloso do traballo que fixeron os meus 19 compañeiros e o que máis me doe é que queden no paro. Porque o proxecto que morreu para min non foi un proxecto fracasado. Todo o contrario, fixemos un periodismo distinto capaz de abordar a actualidade política e económica desde posicións críticas e plurais e desde o plano cultural fomos un xornal líder, en defensa dos sinais de identidade de Galicia e do produto de nación. Estou absolutamente honrado de participar neste proxecto e, con toda a miña dor, teño o presentimento de que a historia tratará a Galicia Hoxe con todo o cariño.

Comentarios