
Máis dun século de emigración na historia galega deixa, obviamente, pegadas importantes. En dous de cada cinco concellos, os emigrantes galegos representan máis do 20% dos votantes, o que lles dá un papel fundamental á hora de decidir o goberno local. Ourense é, sen dúbida, a zona que concentra máis votantes no exterior, que rexistra casos como o do concello de Avión, no que o 49,5% dos votantes están emigrados, ao igual que Bande (47%), Gomesende (46%) ou Arnoia (45%).
Sobre o voto no exterior pesou sempre unha incertidume, e nestes días foron sonadas supostas accións irregulares vinculadas co censo emigrante. Alcaldes como o de Cerdedo, Vila de Cruces ou Muxía, entre outros, foron acusados de ter solicitado o voto aos emigrantes cando aínda non está aberta a campaña electoral, polo que no caso de demostrarse estarían incumplindo a lei.
O alcalde do concello ourensán de Avión, Antonio Montero, sinala que tal volume de emigrantes, dificulta a xestión municipal, xa que "temos fondos para 2.000 habitantes e traballamos para 4.000". Segundo o rexedor, a maioría dos censados no CERA visita Avión con frecuencia, polo que "coñecen a realidade do concello e están impicados". De todos os xeitos, Montero cre que os votos que chegan do exterior non son decisivos, porque a participación é moi escasa.