Alberto Trillo Barca

"Cando volvín a Afganistán despois de tomar os talibán o poder sentín máis paz que antes"

Xornalista e extriatleta, emprendeu unha apaixonante carreira en Nacións Unidas que o levou por Somalia e Afganistán, dous países onde aprendeu que non todo é como o contan. Unha mostra é o titular desta noticia que, no entanto, ten unha sinxela explicación se se vive en primeira persoa: "Antes había guerra e a xente non podía saír da casa; agora si"
Alberto Trillo Barca (Santiago, 1986) saúda a un mozo afgán. EP
photo_camera Alberto Trillo Barca (Santiago, 1986) saúda a un mozo afgán. EP

Primeiro estivo de misión humanitaria da FAO en Somalia, con Nacións Unidas, logo no mesmo organismo en Afganistán e agora traballa en Roma para o Fondo Internacional para o Desenvolvemento Agrícola (Fida), da Onu. Leva no sangue axudar.
Hai 828 millóns de persoas pasando fame no mundo, cando en 2015 eran 670 millóns. Volvemos cara atrás despois de anos de progreso e melloras.

Por que hai agora máis fame?
Houbo un catalizador claro que foi a pandemia e as súas consecuencias, que foron moi distintas dependendo dos países. Os ricos teñen máis capacidade para facer fronte a este tipo de emerxencia. Os pobres non teñen redes de seguridade social que permitan pagar subvencións por quedar na casa, por exemplo. Neses países simplemente cesa a actividade e a xente con poucos recursos non é capaz de facerlle fronte á situación, non pode comer.

Repercute a invasión de Ucraína neses países?
Si, pola dependencia que teñen os sistemas alimentarios do que alí se produce. A inflación aféctanos a todos, pero cando unha familia pobre gasta o 60% ou 70% do que ten en comida e os prezos dóblanse da noite a mañá, queda sen capacidade para subsistir e acaba recorrendo a tácticas desesperadas para non pasar fame, como vender os seus medios de vida ou emigrar ás cidades á desesperada.

Neste senso, que labor levan a cabo desde o Fondo Internacional para o Desenvolvemento Agrícola?
Financiamos proxectos e animamos e axudamos os pequenos produtores a que sigan producindo, porque a súa contribución é fundamental para garantir a seguridade alimentaria. Non só nos países pobres. Os pequenos agricultores producen un tercio da comida mundial. En resumo, levamos a cabo todo tipo de proxectos que teñan que ver co mundo rural para incrementar a capacidade de producir e mellorar a súa conexión cos mercados.

Os nosos proxectos céntranse en coidar aos pequenos agricultores, que producen un tercio dos alimentos do planeta

Ata hai pouco estivo en Afganistán como responsable de comunicación da FAO. Viviu en primeira persoa o golpe de estado talibán?
Non. Non estaba alí porque me pillou nunha semana de descanso. Aínda non accederan os talibán ao poder e dixéronme que esperase a ir porque a situación estaba moi caldeada. Polo tanto, non vivín a toma de poder por parte dos talibán, pero volvín despois.

E que atopou?
Sei que pode soar un pouco estraño, pero cando volvín notei moita máis calma e moita paz. Quedámonos coa historia de que os talibán son uns criminais e perversos, que é verdade, pero estamos perdendo de vista é que o país estaba en guerra. E cando hai guerra e un non pode saír da casa, a orde de prioridades cambia. E iso pasaba en Afganistán. Ademais, os talibán non tomaron o país, como se nos contou, da noite á mañá. Foi un proceso moi longo, de moitos anos de loita. Logo os talibán pasaron a ser os nosos protectores. Vixiaban o complexo onde viviamos e mesmo nos escoltaban cando iamos as misións...

Non lle daba respecto?
Si que nos avisaban, nos ‘briefings’ de seguridade, de que tiveramos tino con esa xente, porque dous días antes estaban no monte nunha guerra. Pero logo tivemos reunións cos xefes provinciais, e acabámolo vendo como algo normal.

Entón os talibán permitiron que seguisen desenvolvendo o seu labor humanitario?
Si. As autoridades alí, aínda que nos guste máis ou menos, son os talibán. A día de hoxe segue sen haber unha alternativa viable a eles. É máis, pódese dicir que neses 20 anos de ocupación, aínda que houbo progresos, non se foi capaz de constituír unha alternativa aos talibán. Hai que ter en conta que había un goberno supercorrupto ao cal gran parte da poboación non apoiaba, e iso facilitou a chegada ao poder dos talibán. En canto ao noso traballo, viuse lastrado porque hai membros do goberno talibán que están na lista de terroristas internacionais, polo que as Nacións Unidas non poden traballar directamente con eles. Entón, os programas de desenvolvemento pararon dun día para outro, e iso foi un golpe tremendo a un país que depende moito da axuda internacional. Despois as axencias da ONU e oenegés comezaron a canalizar toda a axuda humanitaria cara á poboación, coa colaboración dos talibán para ter acceso á xente.

Supoño que as que máis sufrirán son as mulleres, cos recortes que houbo nas súas liberdades.
Houbo retrocesos, máis a nivel teórico que práctico. Agora hai unha lei que non deixa viaxar soa unha muller, pero na práctica iso era algo que facían moi poucas. Algunhas das miñas compañeiras de traballo tiñan que viaxar acompañadas. Afganistán tampouco era unha sociedade moderna o día antes da chegada dos talibán. Conto unha anécdota a modo de mostra: unha compañeira foi a un pobo remoto e falou cun dos señores maiores. E díxolle a un: ‘entón agora que lle gustaría ter na aldea?’ E o señor dixo: ‘unha escola para que os nenos vaian aprender cousas’. E ela dixo: ‘e as nenas non?’ E o señor quedou mirando para ela coma se nunca reparara niso. É unha cuestión de mentalidade e iso non se cambia da noite á mañá, como tampouco é a mesma en Kabul que nunha aldea das montañas.

Antes de Afganistán estivo desenvolvendo o mesmo traballo en Somalia, considerado tamén un Estado fallido. Como era a vida alí?
Vivía en Nairobi (Kenia), pero movíame por Somalia por traballo. Todos os traxectos estaban milimetrados porque había menos seguridade que en Afganistán. Sobre todo no centro e sur, a zona controlada por Al-Shabaab e onde non nos era posible movernos. Pero hai áreas do noroeste que son máis tranquilas, onde podiamos viaxar con tranquilidade.

Agora hai unha lei que lles prohíbe viaxar soas, pero o certo é que de facto antes non o facían

Cre que ambos países teñen algunha opción de chegar a ser verdadeiras democracias?
Somalia si está facendo esforzos e, de feito, celebrou unhas eleccións hai un par de meses, que custou moito conseguir. No caso de Afganistán, xa sabemos que están illados internacionalmente e controlados por un grupo fundamentalista. É difícil pensar nunha democracia plena.

Pasou medo neses dous países? 
Medo non. Si que tiven sensación de alerta porque sabes que estás exposto aos riscos. E en Afganistán tiven a incerteza de que podería pasar se os talibán chegaban ao poder, ou como poderiamos escapar de alí. Pero, por sorte, non nos ocorreu nada.

Levará consigo experiencias únicas. Con que se queda?
Con dúas: interactuar coa xente cando ía ás misións, porque dá moito sentido ao que fas; e coñecer compañeiros somalís e afgáns. Con moitos deles sigo en contacto. Aínda que pensemos que as nosas culturas son moi distintas entre si, somos moito máis semellantes do que pensamos.

Co seu permiso, falemos de vostede. Era promesa de triatlón, ademais de xornalista. Cando decidiu dar un xiro ás súas carreiras para axudar aos demais?
Foi un pouco a curiosidade por ver e explorar. Antes de ir a Somalia xa tiña viaxado a algún país pobre, como Ruanda e Mozambique. E tamén é dalgún xeito unha forma de entender o pasado da miña familia, de entender as historias da posguerra. Eu cóntaballes cousas de África aos meus avós e eles dicían que moitas foran parecidas aquí. Alí aprendes moito. Aquí a xente quéixase, e con razón, da sanidade pública. Por suposto que hai que mellorala, pero cando pensas en como está alá, es consciente da sorte que temos.

Co seu carácter aventureiro, onde ve o seu vindeiro destino?
No futuro espero poder volver a Galicia e contribuír co que fun aprendendo polo camiño, pero de momento acabo de chegar a Roma despois duns anos vivindo practicamente sen desfacer a maleta, e penso que é o momento de estar un pouco tranquilo. Como se di en Galicia: "Ímoslle dando e xa imos vendo»"

Comentarios