O cantante de Heredeiros da Crus recupérase dun problema de saúde que obrigou a aprazar concertos

Javi Maneiro comezou a sentirse indisposto nunha actuación en Pantón e un TAC revelou despois a rotura dunha vea na cabeza
Heredeiros da Crus, con Javi Maneiro no centro. ARQUIVO
photo_camera Heredeiros da Crus, con Javi Maneiro no centro. ARQUIVO

Heredeiros da Crus anunciou a semana pasada a cancelación de varios concertos —no Festival da Luz, Ferrol, A Pobra do Caramiñal— debido á "enfermidade dun dos membros da banda que imposibilita a súa presencia nos escenarios". Aínda que o grupo non detallou quen era o afectado, o seu baixista, Fran Velo, explicou a través das redes que se trata do cantante, Javi Maneiro, quen comezou a sentirse indisposto nun concerto o día 19 en Pantón

Un TAC realizado días despois revelou que o problema, a pesar da cal aínda actuou o sábado 20 en Redondela, fora a rotura dun vea na cabeza. "Agora mesmo está todo controlado e só necesita repouso pero o desenlace puido ser fatal", apunta Velo.

Antes, xa en Pantón, Maneiro marchara do escenario na última canción cunha forte dor de cabeza que, ao non remitir, acabouno levando pola mañá ao Hospital de Monforte. A pesar de que a dor continuaba, pola noite subiu ao escenario en Redondela.

O malestar non desaparecía, e "despois dun TAC descubriron que lle rebentara unha vena da cabeza e tira con el para a UCI de SDC", detalla Velo.

"Mentres o levaban en ambulancia para Santiago o único que lle preocupaba era se podería cantar esta finde, que que iamos facer os seus compañeiros e estaba pensando en sustitutos. Que iluso! Coma se Javi Maneiro puidese ter sustituto...", engade o baixo, quen subliña que "este señor non so é un crack, é aljo máis".

Comentarios