''El PP usa Galicia para recuperar el Gobierno del Estado''

Nacido en Vigo en 1967, o nacionalista Carlos Aymerich ten actualmente un reto por diante: volver á Xunta dentro de catro anos. Con ese obxectivo presentou este sábado a súa candidatura para liderar o cambio no BNG. Non o terá fácil. O partido celebra o vindeiro 10 de maio unha Asemblea Nacional para elixir ao seu 'capitán' e Aymerich deberá impoñerse a outras dúas listas.

Por unha banda, á cita acode a corrente crítica Encontro Irmandiño que encabeza Xosé Manuel Beiras e que podería propoñer á titular de Vivenda en funcións, Teresa Táboas, e, pola outra, o actual concelleiro de Seguridade de Pontevedra, Guillerme Vázquez, preséntase á Asemblea como candidato de Unión do Pobo Galego.

Pregunta: Que aporta vostede que non fagan outros candidatos para resultar elixido na Asemblea Nacional?

Resposta:
A opción que nós presentamos non é unha opción persoal, é colectiva. É a decisión colectiva de homes e mulleres do Bloque Nacionalista Galego que entenden que temos que reactivar o BNG, que temos que implicar dunha forma máis estreita á militancia e aos simpatizantes no traballo e no día a día da organización porque son eles os que van decidir o futuro do BNG e teñen que protagonizar o seu día a día.

Ademais, entendemos que o BNG como forza, cunha mensaxe dirixida ao conxunto da sociedade galega, ten que ter unha clara vocación de goberno. Nese sentido, consideramos que o Bloque non pode ter etapas transitorias, non podemos pedirlle á sociedade galega que espere por nós dous anos ou ano e medio mentres nós nos clarificamos e reflexionamos. Temos que poñernos a traballar xa liderando a alternativa, a oposición ao PP para despois poder liderar o goberno de Galicia.

P: O Encontro Irmandiño de Beiras rumorea que van pactar con UPG antes da Asemblea, cal é a súa postura?

R:
Eles son moi libres de dicir o que queiran pero eu creo que as informacións deben sempre responder á verdade. Neste sentido, sen ánimo de facer polémica con ninguén, reafirmo que imos presentar candidaturas en tódalas comarcas e tamén na Asemblea Nacional para que alí estea o que nós representamos e que a xente do BNG, a partir de maio, poida votar pola nosa candidatura. Teñen que ser eles e elas, os militantes do BNG, os que decidan co seu voto cal é o BNG do futuro.

P: Mentres tanto, Camilo Nogueira non cre que sexa o momento de elixir o portavoz nacional, hai división no partido?

R: Respeto moito a Camilo Nogueira, penso que é un histórico dentro do nacionalismo, aínda que non comparta algunhas das opinións que pode manifestar.

Batalla social
P: Cales son os pilares do seu proxecto para o BNG?

R: En primeiro lugar, pensamos que o BNG é a antítese do que o PP representa en Galicia. O PP representa un proxecto político regresivo en materia socia, contrario aos intereses da maioría da sociedade, representa un proxecto autoritario en materia de liberdades e tamén contrario aos intereses de Galicia por estar sempre dependente das ordes de Madrid. Galicia é para o PP un instrumento para recuperar o Goberno do Estado. Para o BNG é xusto o contrario.

Nós entendemos, en primeiro lugar, que as políticas teñen que facerse para a maioría social, o interese xeral ten que ser o da maioría da sociedade: dos pequenos empresarios, dos traballadores, dos autónomos, dos pensionistas, da xente nova, das mulleres... eses son os intereses e non os da minoría de grandes empresarios.

En segundo lugar, entendemos que a políticas están para incrementar os dereitos e que se poidan exercer, non para restrinxilos, para que haxa relmente unha democracia participativa de calidade. E en terceiro lugar, por todo o anterior, somos nacionalistas, é dicir, defendemos os intereses de Galicia por diante de calquera outra cousa.

P: Ten afirmado que o partido coxea no tocante á súa base social, como pensa remedialo?

R: Non digo que o BNG coxee senon que aspiramos a que a base social sexa moito maior, sexa moito máis ampla. Iso faise abrindo as portas do BNG. Calquera home ou muller que apoie e que teña votado ao BNG pode militar e ten as portas abertas do partido. Porque o BNG ten que ser unha organización de masas, un gran proxecto de todos os galegos e galegas que queren a este país. Iso obríganos a adoptar decisións como darlles unha función aos simpatizantes, darlles o protagonismo que teñen que ter no avance do proxecto nacionalista.

Proxecto claro, nacionalista e transformador
P: Definen a súa candidatura como postquintanista, pensa continuar a liña de Anxo Quintana ou vai ser un punto e aparte?

R: Anxo Quintana representou unha parte moi importante da historia do BNG e agora estamos noutro momento. Dito isto, nós entendemos que o partido ten que seguir un camiño cara adiante e non cara atrás. Seguir traballando, seguir ampliando a nosa base social, seguir dirixíndonos ao conxunto da sociedade cun proxecto claro, nacionalista e transformador.

Nese sentido, non só Anxo Quintana, senón tamén Alfredo Suárez Canal, Fernando Blanco, Teresa Táboas ou Ánxela Bugallo estiveron no goberno galego polo BNG, fixeron un traballo moi importante que agora temos que reivindicar e poñer en valor. Eu estou convencido de que o traballo que fixo o bipartito vai ser apreciado polos galegos e a imaxe do bipartito vaise ir agrandando a medida que pase o tempo.

Hai conquistas sociais como o sistema público de benestar, unha política social de vivenda que non funcionou ata que chegou o BNG ao Goberno ou a política lingüística. Son conquistas sociais irrenunciables e non podemos dar marcha atrás, non podemos permitir que o PP privatice os servizos sociais, que dea marcha atrás na defensa da lingua, que volva entregar os nosos recursos naturais e as nosas enerxías a empresas de fóra e a catro amigos.

Despois do bipartito
P:
Os catro anos de bipartito, foron un matrimonio de conveniencia?

R: Por un erro de apreciación, tanto BNG como PSOE entendemos que o PP estaba derrotado e que o principal era a competencia político-electoral entre nós esquecendo a defensa do bipartito como algo común e como un ben para o conxunto do país. Non soubemos visualizar esa realidade, comunicar o inxente traballo que fixo o Goberno e a crise económica fixo o resto.

Creo que vai haber un antes a un despois e que a medida de o PP vaia revelando as súas verdadeiras intencións, contrarias á maioría da sociedade e aos intereses dos traballadores, comprobaremos como a sociedade vai apreciar o que supuxo o goberno bipartito.

P: Dixo que houbo problemas de comunicación entre PSdeG e BNG nestes catro anos, chegou a producirse o divorcio?

R: Non. Eses erros xa foron avaliados e xa foron saldados nas eleccións do 1 de marzo e agora toca traballar, mirar para o futuro e defender as conquistas sociais que trouxo o goberno.

Opción de maiorías
P: Á vista dos resultados electorais, que se ten que plantexar o BNG?

R: Temos que mellorar a nosa relación coa sociedade, estar máis pendentes daquilo que realmente preocupa á sociedade galega, facer un discurso nacionalista adaptado ao grao dos intereses da sociedade. Ese é o reto. Nós estamos orgullosos da historia e da traxectoria do BNG, estamos convencidos da vixencia do seu proxecto e entendemos que hai que poñelo o día para que cada vez haxa máis xente detrás del.

P: Beiras asegurou que na última lexislatura se deu un alonxamento da liña ideolóxica, ten razón?

R: Respecto aos compañeiros e compañeiras que poidan pensar iso pero eu creo que o nacionalismo en Galicia non pode ser unha opción de minorías, por cualificadas que estas sexan, o nacionalismo ten que ser unha opción de maiorías. A organización de masas de todos aqueles que neste país poñen por diante os intereses de Galicia.

Comentarios