Viernes. 21.09.2018 |
El tiempo
Viernes. 21.09.2018
El tiempo

Carlos Santiago, deus ou diaño?

Carlos Santiago, durante o pregón. CONCELLO DE SANTIAGO
Carlos Santiago, durante o pregón. CONCELLO DE SANTIAGO

O actor recibe o apoio dos seus compañeiros de profesión mentres a Igrexa organiza "actos de desagravio" tras o polémico pregón de Entroido en Santiago

A Asociación de Dramaturgas e Dramaturgos de Galicia (DramaturGa) expresou a súa solidariedade e apoio ao autor do pregón do entroido de Santiago, Carlos Santiago, logo da polémica xurdida polas supostas ofensas relixiosas vertidas durante a súa intervención. "A ficción non se esclaviza. O Entroido non se civiliza. O humor non se toca. Son sagrados", reivindican.

"Dentro do humor, por tanto dentro da ficción, todo é posible e todo está permitido, sobre todo cando non está en xogo a dignidade de ningún ser humano", indica o colectivo nun comunicado no que rexeitan a "terxiversación" das palabras do dramaturgo e cómico e o "acoso ao que está a ser sometido a través das redes sociais e certos medios de comunicación". 

Nesta liña, lembran que o entroido "é un espazo temporal e mental no que a farsa e a sátira son artefactos pacíficos utilizados contra os poderes establecidos" e que estas celebracións constitúen "un momento de subversión dos roles sociais" a través "da ficción e o humor sincretizados no uso sempre provocativo do disfrace, ou sexa, do teatro, ou sexa, da ficción". 

Así, consideran "intolerable" que "a Igrexa e certos medios de comunicación se alíen para tentar censurar contidos humorísticos nunha evidente estratexia de manipulación mediática con fins espurios". "Os sentimentos nin se ofenden nin se defenden, séntense", apostilan. 

Deste xeito, Dramaturga censura o que considera un novo paso no "mantemento da onda represiva que ano tras ano está a pór en cuestión liberdades existentes en tempos --supostamente-- xa superados".  Así as cousas, expresan o seu apoio "sen fisuras" o discurso de Carlos Santiago e ao propio autor, condenan "con rotundidade a agresión" que, din, sofre o dramaturgo e reivindican o dereito á liberdade de expresión dos traballadores da palabra.

MALESTAR NA IGREXA. O polémico pregón, do que polo momento non existen documentos gráficos que recollan as supostas ofensas ao Apóstolo e á Virxe do Pilar –referencias a prácticas sexuais entre ambos máis aló dos testemuños de asistentes recollidos por algúns medios, xerou indignación en certos sectores da Igrexa, que convocaron para este sábado celebracións relixiosas como "acto de desagravio". 

Ademais, a Asociación Española de Abogados Cristianos anunciou o pasado venres que presentará unha querela contra o humorista responsable do pregón polo "contido vexatorio anticristiano" e non descarta, na medida "en que recabe probas", ampliala proximamente ao alcalde compostelán, Martiño Noriega.

"ANACRÓNICAS CRÍTICAS". Pola súa banda, a Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC) tamén saíu ao paso da polémica para apoiar a Carlos Santiago e expresar a súa "absoluta repulsa ás anacrónicas críticas" que está a recibir o dramaturgo afincado na capital galega. 


"Resulta insólito, casposo e ridículo que, aínda hoxe haxa quen pense que facer humor é delito", asegura a organización do certame nun comunicado publicado na súa páxina web no que enmarcan o discurso dentro do humor –"un código que permite facer ou padecer as críticas máis descarnadas sen que o sangue chegue ao río"– e da festa do entroido –"a máxima expresión festiva da liberdade"–.

Carlos Santiago, deus ou diaño?
Comentarios