miércoles. 29.01.2020 |
El tiempo
miércoles. 29.01.2020
El tiempo

Os casos de varicela redúcense á metade en Galicia

Unha enfermeira inxecta unha vacina.  AEP
Unha enfermeira inxecta unha vacina. AEP

Entre os nenos de 0 a 4 anos a baixada, con respecto ao cuadrienio de 2013 a 2016, foi do 38% 

A Consellería de Sanidade informou que Galicia rexistrou o pasado ano a taxa máis baixa desde 2011 de incidencia de varicela, rompendo así a tendencia á alza dos últimos anos, e cunha porcentaxe de diminución de até o 50% en comparación co ano 2016. Así se desprende dos datos publicados pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. 

A vacina incluíuse no calendario gratuíto do Sergas en 2016, para os bebés nados a partir do 1 de xaneiro de 2015, con dúas doses, aos 15 meses e aos 3 anos, despois de que o Goberno central a retirara das farmacias en 2013. O Servizo Galego de Saúde mantén tamén a vacinación para os nenos de 12 anos que non pasasen a enfermidade ou non fosen vacinados, así como para persoas susceptibles, de calquera idade, incluídas nos grupos de poboación con alto risco. A vacina xa formaba parte do calendario infantil galego desde xuño de 2005 para estes parámetros. 

Segundo os datos que achega a Consellería de Sanidade, notificáronse o ano pasado un total de 257 casos por cada 100.000 habitantes. Isto supón a metade dos rexistrados en 2016, no que se rexistrou o maior pico de varicela dos últimos anos, cunha incidencia de 514 por cada cen mil habitantes. A Xunta indica que o comportamento á baixa en 2017 afectou a todos os grupos de idade, cun descenso do 33% con respecto ao cuadrienio de 2013 a 2016. 

As maiores baixadas relaciónanse, directa ou indirectamente, segundo a Consellería de Sanidade, coa vacinación fronte á varicela. Esta patoloxía ten "unha estacionalidade característica, con maior incidencia na primavera e o verán, ademais dunha distribución por idades moi marcada, coas maiores incidencias nos máis pequenos, en ausencia de vacinación".

3.322 CASOS CADA 100.000 NENOS DE ENTRE 0 E 4 ANOS. En nenos de 0 a 4 anos, notificáronse 3.322 casos de varicela por cada 100.000 habitantes en 2017, cunha baixada do 38% con respecto ao cuadrienio anterior. En todo caso, o grupo con maior descenso foi o de 20 a 24 anos, con 38 por cada cen mil habitantes, alcanzando o 50% en relación á media dos catro anos anteriores. 

Nos nenos nados en 2015 e os nados en 2016, con respecto ás anteriores xeracións, a diminución dos casos de varicela foi do 96% e do 89%, respectivamente. A franxa de idade comprendida entre os 30 e 34 anos e 35 e 39 anos rexistrou un descenso do 37% e do 39%, respectivamente, e, no seu conxunto, é marcadamente superior ao do resto dos grupos. 

A diminución da incidencia da varicela neste colectivo pode ser debida ao efecto indirecto da vacinación infantil, incide na súa comunicado a Xunta, "xa que en é neste grupo onde se atopa a maior parte dos pais e nais dos nenos e novos". 

Os casos de varicela redúcense á metade en Galicia
Comentarios