Centenares de traballadores de ambulancias reivindican en Santiago un "convenio xusto"

Lembran á Consellería de Sanidade que "é a responsable das concesións" e pídenlle que se implique no conflito

Centenares de traballadores de ambulancias de Galicia manifestáronse este mércores polas rúas de Santiago de Compostela para reclamar un "convenio xusto" despois de tres anos sen el e esixir a "implicación" da Xunta no conflito por ser "a responsable das concesións". 

Baixo o lema 'Por un convenio digno e un servizo público de calidade. Ambulancias en loita', centenares de traballadores –convocados por CIG, UXT e CC.OO.– chegados en tres autobuses de Vigo –un dos cales chegou tarde ao ser parado pola Guardia Civil para un control de tacógrafo e documentación–, un de Ferrol e outro da Coruña, así como en coches particulares desde diversos puntos de Galicia, percorreron rúas de Santiago desde a Praza Roxa até San Caetano, onde ese sitúa a sede da Xunta. 

Os manifestantes fixeron soar bombos e sereas, lanzaron fume de cores e bombas sonoras nunha marcha, precedida por un coche da Policía Local e dous furgóns da Policía Nacional, durante a que corearon consignas como "Feijóo, escoita, ambulancias en loita", "Xunta e patronal, culpables por igual" e "ambulancias en loita". 

En declaracións aos medios, o responsable de transporte da CIG, Xesús Pastoriza, asegurou que a mobilización pretende "denunciar publicamente" que levan "tres anos co convenio terminado e conxelado". Así, criticou o "non, non e non por parte da patronal" e a "desaparición absoluta da Xunta". 

Sobre a convocatoria deste venres por parte do Sergas á patronal e sindicatos, dixo que se trata dunha "reunión sorpresiva". "Non contabamos con ela e a ver que nos traen", afirmou para advertir de que "se non meten máis carne no asador isto vai ter difícil solución". 

Nesta liña, Óscar Vázquez de UXT asegurou que "sempre" que os convoquen acudirán. "Se iso serve para solucionar o conflito, para que a Consellería se implique, para que podamos sacar un convenio bo para os traballadores, imos ir a todas as reunións que nos convoquen", concluíu para reivindicar un "convenio xusto". 

Mentres, por parte de Comisións Obreiras, Pedro Beade destacou que o feito de que se manifesten "posiblemente a metade de todos os condutores de ambulancias de Galicia" e que "os centros hospitalarios estean hoxe bloqueados" foi o que levou á convocatoria da Consellería de Sanidade este venres. 

"O Sergas ve que Galicia se está taponando nas urxencias e non urxencias e está a buscar unha saída, pero a saída está nas súas mans duplicando ou triplicando o factor económico das concesións", avisou. 

Tamén Roberto Rodríguez de CC.OO. coincidiu cos seus compañeiros en que "a Xunta até agora non xogou un papel relevante no conflito e estase dando conta de que está a afectar moi negativamente á sociedade". 

O conselleiro apela á "responsabilidade" de empresas e traballadores

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, apelou á "responsabilidade" de empresas e traballadores de ambulancias en Galicia para alcanzar canto antes un "acordo" e pór fin ao conflito.

Mentres, a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 denunciou este mércores danos en 29 ambulancias –dúas medicalizadas e 27 asistenciais–. Desde as 12,00 horas do día 19 e ata as 12,00 horas deste mércores 20 o 061 apuntou que se rexistraron picadas nas rodas de dúas ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA), unha con base en Santiago e outra na Coruña. 

A iso suma picadas en 27 ambulancias asistenciais de soporte vital básico ( SVB) con base nos concellos da Coruña --catro vehículos--; Vigo e Carballo --tres ambulancias--; Noia, Ponteareas e O Porriño –dúas en cada un--, Cambre, Sarria, Nigrán, Redondela, Oleiros, Quiroga, A Cañiza, Chantada, Cee, Vilalba e Lugo. 

O 061 destacou que "todos os vehículos substituíronse no menor tempo posible e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade". Ademais, nas ambulancias asistenciais de  SVB con base en Chantada e Quiroga tamén se realizaron pintadas, concretou a Fundación.