Un cento de persoas mostran o seu apoio á xuíza De Lara ante os xulgados de Lugo

Consideran "desproporcionado" que sexa apartada da súa praza no xulgado número 1 de Lugo

Concentración ante los juzgados de Lugo en apoyo a Pilar de Lara. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Concentración ante los juzgados de Lugo en apoyo a Pilar de Lara. VICTORIA RODRÍGUEZ

Un centenar de persoas concentráronse este mércores ante a sede dos xulgados de Lugo, en Praza de Avilés, convocadas pola Plataforma Cidadá contra a Impunidade do Caso Carioca "en apoio ao traballo da xuíza" Pilar de Lara e "en contra das desproporcionadas medidas disciplinarias adoptadas contra ela".

Os manifestantes concentráronse detrás de dúas grandes pancartas nas que se podían ler as mensaxes "Lugo, Patrimonio da Impunidade" e "Contra a corrupción. En defensa da Xustiza", á vez que algún dos participantes na concentración mostraba pancartas para agradecer o traballo da xuíza.

Ademais da propia plataforma convocante, expresaran tamén o seu apoio a esta convocatoria a Plataforma Feminista de Lugo e Esquerda Unida, partido que considera a sanción imposta á xuíza polo Consello Xeral do Poder Xudicial froito dunha Xustiza "patriarcal, machista e retrógada".

"Estamos aquí porque consideramos" que a sanción "é un xeito de paralizar todo o que está a facer a xuíza De Lara para destapar os casos de corrupción, de trata de persoas, de prostitución na cidade de Lugo", dixo unha das portavoces da Plataforma contra a Impunidade non caso Carioca.

"Consideramos que os atrasos son un mal endémico do noso sistema xudicial. A xuíza xa solicitou reforzos hai seis anos e non se lle concederon. Entón, preguntámonos por que non se lle concederon eses reforzos e cando isto non avanza, se lle aparta da investigación. Cremos que hai un claro desinterese por este caso", dixo outra das manifestantes.

A lectura do manifesto a favor do traballo da xuíza De Lara terminou con berros a favor dun "Lugo libre de corrupción" e con consignas como "mulleres na rúa, proxenetas a prisión".

A plataforma convocante expresou o seu "apoio e agradecemento á figura de Pilar de Lara", instrutora da operación Carioca, unha causa aberta para investigar a existencia dunha suposta trama ilegal de proxenetismo na provincia de Lugo na que supostamente estaban implicados axentes dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado. Considera este movemento que a xuíza "traballou arreo, con recursos limitados e sen ceder ante as distintas presións externas recibidas e incluso ameazas contra a súa integridade persoal".

Por iso, este colectivo rexeita "de plano a sanción que o Consello Xeral do Poder Xudicial quere aplicar á xuíza, sete meses e un día de suspensión, o que implicaría a perda de destino e, consecuentemente, a súa retirada do xulgado de instrución número 1 de Lugo.

Desde o seu punto de vista, é "desproporcionada e ten a clara intencionalidade de apartala dos Xulgados de Lugo".
Para este colectivo "é inxustificable que se pretenda impor un castigo de tal calibre á xuíza Pilar de Lara por algo tan corrente, ata o punto de que é un mal endémico do sistema xudicial, como é dilación na instrución de macrocausas".

De Lara estivo nunha xornada sobre os malos tratos animais
A xuíza Pilar de Lara, este mércores nunhas xornadas en Veterinaria. VITORIA RODRÍGUEZ
A xuíza De Lara, que non estivo na protesta, participou con carácter previo nunha xornada sobre O papel do persoal veterinario ante casos de malos tratos animais, na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo, organizado por colectivos animalistas e a Universidade de Santiago de Compostela.

De feito, o colectivo animalista Libera!, a través do seu portavoz, Rubén Pérez, destacou "o compromiso" da titular do xulgado de instrución número 1 de Lugo "coa defensa do benestar dos animais".

En declaracións a Efe, Pérez recordou que a maxistrada De Lara "foi a primeira xuíza que emitiu unha orde de afastamento" con respecto a un "animal que supostamente estaba a ser maltrado" polos seus propietarios. 

Comentarios