Varios centos de persoas manifestáronse na tarde deste sábado en Santiago de Compostela para protestar contra a xestión sanitaria da Xunta, os recortes e para condenar a privatización da sanidade pública ao berro de "Queremos saúde!". A marcha, que partiu da Estación de tren da capital galega, foi convocada por unha decena de colectivos de profesionais e pacientes defensores da sanidade pública e universal.
Ao longo da protesta, que transcorreu sen incidentes polas rúas de Compostela, escoitáronse consignas como "a sanidade é da xente e non dos dirixentes", "Feijóo escoita, a saúde está en loita" ou "O Meixoeiro, querémolo enteiro".
A manifestación concluíu na Praza da Quintana, onde o músico Xurxo Souto foi o encargado de ler un manifesto no que criticou a "falta de reposición" das prazas de profesionais da saúde pública ou o "peche de camas" nos hospitais durante os meses de verán.
Ademais, Souto expresou o rexeitamento ao "abandono da atención primaria", así como "á división en cidadáns de primeira e segunda clase" e a consecuente discriminación dos habitantes dos núcleos do rural.
"Aínda que digan que non, están a privatizar a sanidade pública. O mantemento, os servizos de hostalaría, as ambulancias... O 25 por cento da sanidade pública está xa en mans privadas", alertou o músico no comunicado.