Centos de xubilados galegos reclaman a derrogación da reforma das pensións 

Reclaman subir as pensións mínimas para conseguir unhas achegas "dignas" 
Una de las manifdestaciones  convocadas por el CIG . CIG
photo_camera Protesta polas pensións en Santiago. CIG

Centos de xubilados galegos concentráronse este xoves nas sete cidades –convocados pola CIG– para reclamar a derrogación da reforma das pensións realizadas polo PSOE e PP, á vez que se demandan achegas "dignas". 

En Lugo, ante a sede da Seguridade Social, o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, sinalou que unhas pensións "dignas" terían que ser de "1.200 euros", xa que deben "ser de igual contía que o Salario Mínimo Interprofesional, que de acordo á Carta Social Europea é o 60 por cento do salario medio". 

En Galicia, máis da metade das pensións son inferiores a 706,6 euros, lonxe da media española. Mentres, a pensión media dunha muller galega é case 300 inferior á dun home. 

A CIG pide, entre outras medidas, a fixación por lei das pensións mínimas iguais ao SMI e cunha revalorización anual igual que o IPC, como mínimo; así como unha xubilación ordinaria a partir dos 65 anos e voluntaria cando se teñan 35 anos cotizados (reais ou por aplicación de coeficientes reductores)

Na Galiza queremos pensións dignas. Seguimos a loitar pola derrogación das reformas das pensións, para garantir as pensións públicas presentes e futuras. Xa hai goberno, non hai escusa. #Compostela pic.twitter.com/uMw2kDCb9P

— CIG (@galizaCIG) January 23, 2020

PROTESTA EN SANTIAGO. En Santiago, ao redor dun centenar de pensionistas concentráronse esta mañá de xoves na Praza do Toural cun cartaz co lema Mobilicémonos en defensa das nosas pensións.

Os pensionistas protestaron con cánticos como: "Derrogación da reforma das pensións", "Non faltan cartos, sobran ladróns" e "E a culpa de quen é, do PSOE e do PP".

En declaracións, o portavoz do colectivo de xubilados de Compostela da CIG, Xosé María Torres, Xepe, defendeu que para "haber unhas pensións dignas o primeiro que ten que haber son salarios dignos". "Por iso non é un tema unicamente dos xubilados", senón de "todos os traballadores". 

A este respecto, chama a manter o sistema publico de pensións e que "sexa sustentable a medio e longo prazo". Pide que "se revarolicen, sobre todo, as pensións máis baixas", xa que "non chega con subir o IPC". 

E é que di que están "relativamente contentos" coa subida do 0,9% deste ano, como o IPC, pero "cal é o problema? Pois que as pensións máis baixas subiron dous euros e medio, e iso non chega para nada".

XUBILACIÓN AOS 67 ANOS? Sobre a posibilidade de que o novo Goberno aumente a idade de xubilación dous anos até os 67 anos, o portavoz dos xubilados de Compostela da CIG considera que "se houbese salarios dignos, manteríase o sistema con xubilacións aos 65 anos sen ningún problema", xa que "non é necesario que a xente traballe até os 67 anos". 

"O que non é de recibo é que sectores como a banca estea a xubilar á xente con 50 anos, mándenos ao paro, e que a Seguridade Social teña que pagar o paro e que haxa prexubilacións encubertas", lamenta. 

Comentarios