jueves. 09.12.2021 |
El tiempo
jueves. 09.12.2021
El tiempo

Ciencia e humor no faladoiro 'Arredor da economía circular'

O evento celebrarase o 2 de decembro no Teatro Principal e nel participará Manuel Vicente, Eva Quiroga, Fran Rei e Pedro Brandariz 

O Concello de Santiago e a Unión de Consumidores de Galicia poñen en marcha unha serie de actividades coas que buscan fomentar entre os consumidores un coñecemento máis profundo da economía circular "para que sexan conscientes da necesidade de facer un consumo responsable e sostible". E tamén da importancia de reciclar correctamente, especialmente agora que se está a introducir o chamado quinto contedor no que só se poderá verter materia orgánica.

No marco desta accións, que constitúen o proxecto #EuCompost_ela, o 2 de decembro, ás 19.30 horas, celebrarase no Teatro Principal o faladoiro Arredor da economía circular.

O evento, que será conducido polo divulgador científico Manuel Vicente, director e presentador do programa Efervesciencia da Radio Galega; contará coa participación de Eva Quiroga, bióloga especializada na Xestión do Desenvolvemento Sostible, e dos actores e humoristas Fran Rei e Pedro Brandariz.

Este espazo de encontro entre a ciencia e o humor servirá "para reflexionar en materia de consumo e medio ambiente poñendo o foco nas vantaxes da economía circular, as dificultades e resistencias existentes á súa implantación, o proceso de integración e normalización da compostaxe nas cidades; así como tamén en cuestións que van desde o problema que supoñen os residuos electrónicos ata a correcta utilización dos contedores de reciclaxe".

Por limitacións de aforo e para cumprir coas normas hixiénico sanitarias, será preciso anotarse no seguinte formulario para poder asistir presencialmente ao faladoiro, indicando nome e apelidos. Cada persoa poderá levar ata dous acompañantes, as tres inscricións faranse no mesmo formulario. O evento é gratuíto. Ademais, o coloquio será emitido en directo a través da canle de Youtube da Unión de Consumidores de Galicia.

Ciencia e humor no faladoiro 'Arredor da economía circular'
ç