"A claustrofobia sentina cando fun para un piso"

Cristina Fernández Pasantes foi a primeira muller fareira de Galicia e o 16 de setembro, a Xunta daralle a medalla Emilia Pardo Bazán por contribuír a unha sociedade máis igualitaria
Cristina Fernández Pasantes, repoñendo as lámapadas do faro do cabo Vilán, na Costa da Morte. DP
photo_camera Cristina Fernández Pasantes, repoñendo as lámapadas do faro do cabo Vilán, na Costa da Morte. DP

Nunca pensou que pasaría a súa vida nun faro pero un noivo fareiro e a primeira oposición para mulleres en 1972 abriríanlle as portas a un mundo do que xa nunca máis se separou. Cristina Fernández Pasantes foi a primeira muller fareira de Galicia. O seu destino e a súa casa foi o cabo Vilán, na Costa da Morte. Alí pasou 48 anos. A Xunta daralle, o 16 de setembro, a medalla Emilia Pardo Bazán por contribuír a unha sociedade máis igualitaria. 

Foi a primeira muller fareira en Galicia. Como se atreveu a meterse nun mundo de homes?

Eu máis outras dúas fomos as tres primeiras mulleres fareiras de España. Tiña 22 anos cando fixen a oposición e botei no faro do cabo Vilán 48 anos e encantada da vida. Parece que estaba noutro hemisferio! Entrei sen ter vocación. Traballaba como administrativa e vin que había unha oposición para mulleres fareiras en 1972. Cando fun á oposición, tiña a sensación de que lle iba sacar o posto de traballo a un home, pero atopeime con compañeiros marabillosos. A vocación veume ao verlle as tripas do faro. Podo dicir que traballando nunca mirei o reloxo para saber a hora que era, estivese ou non de garda. E gustoume tanto o oficio que fun a última fareira en vivir nun faro da Costa da Morte. Ata cheguei a botar alí dez anos vivindo soa!

Como se afacía soa, no faro?

É duro porque petan moito no faro as tronadas e os temporais. A torre móvese e aquí veñen ventos de 100 quilómetros por hora, conondas moi grandes. No 2014, veu un temporal moi grande e vinme aturdida porque estaba soa, pero o faro era o meu hábitat!

Como se pasa o día no faro?

O faro é enorme, ten dúas plantas. É un palacio, un privilexio vivir nel.

Non lle daba claustrofobia?

A claustrofobia sentina cando me xubilei e me fun para un piso. No faro ves que cada día a cor do mar é diferente, ves as postas do sol, as flores que saen ao seu carón... É un vínculo moi grande coa natureza. Aprendes a querelo e dáche moita felicidade.

Cantas veces deixou de durmir por ter que estar pendente dalgún barco?

No inverno, non durmía, non era capaz. As alarmas soaban por doquier. Daquela, a calidade do servizo ao pé do faro era moito mellor que agora, que están automatizados. Ao primeiro, estabamos tres familias no faro. Agora, desde o móbil pódese manexar o faro. A tecnoloxía acabou por desprazar os fareiros.

A este oficio quédanlle só, como quen di, catro días?

Para nada. Sempre defendín que os fareiros volvan aos faros, dan máis seguridade. Desde os faros, tamén se dan outros servizos como o radiofaro ou o servizo de axuda á navegación. 

Díganos tres argumentos para convencer a unha moza de que se faga fareira.

Hoxe non podería ser fareira. O futuro agora é montar empresas que leven os faros. As primeiras mulleres tiñamos un reto que cumprir. Fomos pioneiras e amosamos a nosa valía.

Ser fareira na Costa da Morte, onde naufragaron tantos barcos, foi un plus de responsabilidade?

A Costa da Morte, coidadiño con ela! Tiñas que ter moita forza e responsabilidade porque estaban en xogo vidas humanas. Esta é unha profesión moi dura!

Comentarios