O curso comezou con "normalidade" para a Xunta e como un "caos" para oposición e sindicatos. Que deben pensar os galegos?
A normalidade é a tónica absoluta. Pode haber algún caso concreto que haxa que axustar ao longo do curso, pero é normal porque é moi difícil poñer en marcha un sistema organizativo tan pesado como o educativo. Pero os galegos teñen criterio e as familias van estar moito máis próximas a esa normalidade que ao caos.
O que todo o mundo ten claro é que será un curso caro pola inflación. Son suficientes as axudas?
Nunca é suficiente, porque non é só o inicio do curso, senón que son os alimentos, o combustible... Acabamos de ver nun informe independente que Galicia é a comunidade que máis recursos achega para libros de texto. A Xunta está destinando en distintas liñas de axudas a libros e material uns 100 millóns de euros, que os aforran as familias; e se lle sumamos servizos como comedor e transporte, falamos xa de 200 millóns longos. A situación é difícil e nós traballamos para minimizar o impacto naquelas familias con menos recursos, porque entendemos que a Administración debe facer unha política de redistribución, algo que non facía o sistema universal do bipartito, que foi un café para todos que funcionou mal.
A Xunta sumará 370 profesores este curso e o presidente Rueda anunciou unha nova oposición para 2024 relevante en canto a prazas. Queda suficientemente dotado o corpo docente?
O corpo docente, igual que o mapa educativo, é algo vivo e evoluciona ano a ano en función da demana. Todos os cursos hai unha adecuación de recursos humanos e materiais ás necesidades das diferentes etapas. Este ano, malia ter menos alumnos, hai un incremento de profesores, que está orientado por unha banda a FP, que é a grande liña estratéxica da Xunta; por outra a mellorar a equidade, a diversidade e a reducir o abandono escolar; e por último, igual que en infantil e primaria temos caída de alumnos, en Eso e bacharelato hai un lixeiro incremento, así que 40 profesores vanse ocupar dos grupos que se desdobran aí.
A grande demanda docente sempre é a redución de horarios e, sobre todo, de ratios nas aulas
Hai dúas formas de avaliar unha política pública: a parte organizativa ou os resultados. Aquí falamos de que, coa actual estrutura organizativa, temos un dos mellores resultados de España. Galicia está á cabeza en variables como inclusión, destrezas e coñecementos... E non é algo que diga o conselleiro senón que son informes do ministerio ou da OCDE. As nosas ratios son das mellores de España e con tendencia a reducirse: nun 70% das aulas hai menos de 20 alumnos. Pódese mellorar? Por suposto, pero sen esquecer que co actual modelo temos bos resultados. E iso non é froito da casualidade, senón do compromiso indiscutible da Xunta: somos a comunidade que máis inviste por alumno, xunto con Cantabria, despois do País Vasco e Navarra.
Dixo estar disposto a sentar cos profesores a negociar.
Todo se pode ver, todo se pode mellorar e todo se pode falar. Pero dá a sensación de que nunca tivemos negociacións, cando só este ano xa chegamos a tres grandes acordos cos sindicatos: un sobre interinos, outro para os profesores técnicos de FP e un acordo para a estabilización do persoal.
Están preocupados polo impacto da crise demográfica no sistema educativo?
E non só no sistema educativo, senón en Galicia en xeral. Eu son xeógrafo e sempre comparo a perda demográfica e o despoboamento co o colesterol: non o percibimos ata que colapsa. Galicia ten un problema natalista moi forte que impacta nas aulas de infantil, e iso ten un efecto dominó. Hoxe temos 12.000 nacementos ao ano cando hai quince anos estabamos en 20.000 e hai vinte anos en 30.000. Por iso son tan importantes estratexias da Xunta como a Retorna, para compensar a redución do saldo vexetativo coa atracción de persoas de fóra.
Hai fenda entre o ensino rural e urbano en Galicia?
Non, e dígoo taxativamente. Se falamos de resultados, Galicia funciona como un distrito educativo único porque son homologables. Nos colexios rurais hai os mesmos programas e proxectos. E ademais, temos a sorte de contar coa mellor rede de centros de España: o 99,7% dos alumnos de infantil e primaria de Galicia teñen un colexio no seu concello, cando o dato de España é do 55%. Somos a comunidade que máis inviste por alumno, 7.747 euros, e no ensino rural aínda estamos por riba nun 30%, fronte aos 6.540 de media estatal. É obvio que a dispersión complica a xestión, pero a rede de comedores e transporte xera igualdade de oportunidades.
A dixitalización é unha corrente do ensino actual. Vai insistir a consellería nesa aposta polo libro dixital cando os países pioneiros nel cuestionan o seu éxito e incluso tenden a volver ao tradicional?
A tecnoloxía e a dixitalización non son un fin en si mesmo senón un medio para dar soporte e axudar ao profesorado e para democratizar o acceso ao coñecemento. Non debemos ser un país do péndulo que pase do branco ao negro! O mundo dixital ten que estar moi presente nas aulas porque, queiramos ou non, é o mundo que van atopar os rapaces. Vimos de aprobar máis de 80 millóns de euros para dotar o 100% dos centros de primaria de Aulas Móbiles de Informática, para modernizar con pantallas de última xeración as clases desde cuarto de infantil ata bacharelato e tamén temos polos creativos e dotamos os centros de material de robótica, audiovisual, impresoras 3D... que nos serven para traballar por proxectos e incentivar a creatividade do alumno.
A Xunta vén de aprobar un sistema para a educación similar á historia clínica única. Como funcionará?
E curioso que en España non exista un expediente académico único. O que fixemos foi lanzar a idea ao mercado a través dun proceso de compra única innovadora, para que as empresas nos digan como facelo. Cremos que é importante para mellorar a xestión e queremos que, a través da intelixencia artificial, se poida avaliar e analizar cada alumno para que profesores e familias tomen decisións que melloren o seu rendemento.
A FP parece non ter teito. Segue habendo espazo e demanda para novas titulacións en Galicia?
Todos os anos modernizamos a FP porque este mundo é moi cambiante e os sectores produtivos nos demandan novas formacións. Temos novos ciclos, modernizamos outros, hainos con enorme demanda e outros máis tradicionais teñen menos. O que vemos é que Galicia foi quen de situar a súa FP na vangarda grazas ao profesorado: hoxe as empresas, familias e alumnos confían na FP porque é unha porta ao emprego. E isto non é literatura, hai datos: a empregabilidade nos ciclos ordinarios supera o 85% e nos duais é do 100%, cando en 2009 estabamos no 30%. E desde 2009 ata hoxe aumentamos a matrícula un 70% ata estar en récord de oferta e de alumnos. Algúns dos avances que o ministerio vendeu hai un ano como grandes logros cando aprobou a súa lei de FP xa levaban anos aplicándose en Galicia, onde xa hai 140 ciclos con parte do currículo nunha lingua estranxeira.
Medra a FP a costa da universidade?
Hai sitio para todos. De feito hoxe hai unha maior conexión entre universidade e FP. Todos os anos pasan alumnos porque hai pasarelas de convalidación da FP á universidade, aínda que non no sentido contrario, que é algo que lle demandamos ao ministerio.
A universidade tamén arrancou o curso. Como foi?
Con gran normalidade. A mellor noticia é que non haxa noticia ou que a noticia sexan os novos graos. O Campus Terra de Lugo é un bo exemplo, porque está medrando en alumnos coas carreiras implantadas en 2017, malia que entón houbo críticas e balbordo, pero o resultado está aí. As titulacións atractivas como bioquímica ou robótica atraen alumnado incluso de fóra de Galicia.
A nova selectividade quedou aparcada. Veremos algún día unha Abau única para toda España?
É básico para xerar igualdade que haxa unha selectividade única. Hoxe temos un sistema con 17 camiños diferentes para chegar á porta da universidade e iso xera desigualdade porque os exames, competencias e metodoloxía son diferentes. Provoca contradicións, como que moitas autonomías que están á cabeza nas variables educativas non o están nas notas da Abau. Unha proba homoxénea evitaría esa desigualdade, porque un alumno de Lugo debe ter os mesmos dereitos que un de Soria.
Sempre di que esta foi unha lexislatura complexa no ensino pola pandemia e a Lomloe
Foi unha lexislatura dura. Convivimos dous anos cunha situación sanitaria complexa na que me sinto moi orgulloso da comunidade educativa, porque logrou que os colexios non foran un problema. Logo rematamos a pandemia e comezamos a implantación da Lomloe, que se aprobou sen diálogo e foi unha mala lei, porque supuxo cambiar as regras de xogo a metade do partido. Xerou inseguridade e incerteza e o que fixemos todas as autonomías foi tratar de minimzar os seus efectos, para preservar que o sistema educativo sexa o que ten que ser: un sistema para xerar igualdade de oportunidades e ser un ascensor social. E para iso non se pode devaluar a cultura do esforzo como fai a Lomloe.
Xa que critica o Goberno central, como ve o actual panorama político estatal ante a investidura?
Algún día os libros de historia farán unha antoloxía do disparate con moitas das cuestións que vivimos estes anos. Imaxine cando conten que a gobernabilidade dun país de 50 millóns de habitantes depende dun señor presuntamente delincuente que está exiliado e non pode vir aquí porque entraría no cárcere. Ou que a vicepresidenta se reúna con ese señor pero se negue a sentar con quen gañou democraticamente as eleccións. Este Goberno de Sánchez fixo tantas que penso que xa estamos anestesiados. O peor é iso, que parte da sociedade asuma con naturalidade isto, malia que se dilúan algúns dos pilares fundamentais dun Estado democrático. Se todo vale, podemos chegar a un escenario moi complicado. Ten que haber uns límites.
Neste mandato tamén houbo cambios en Galicia. Que tal con Rueda?
Fixemos un relevo brillante, porque era difícil suplir a Feijóo, pero Rueda tomou o remuda con gran responsabilidade e capacidade de traballo. Marca o seu propio camiño sen rachar coa estabilidade e a confianza propias da Xunta.
"Relanzaremos a candidatura da Ribeira Sacra en novembro"

Rematou o verán, a época de maior efervescencia cultural. Que balance fai?
Galicia é un país cheo de cultura e a nosa forza cultural é un sinal de identidade. Temos grandes creadores, unha cultura popular moi potente, sectores como o audiovisual ou os festivais que xa son auténticas industrias, hai 35.000 profesionais na cultura galega e representa o 3% do PIB... Son datos moi significativos que amosan a forza que teñen as manifestacións culturais deste país. O que facemos nós é xerar aunha oferta cultural potente e diversa para dar resposta a toda a demanda que hai; e por outra parte, garantir que a xente teña condicións de acceso a esa cultura.
Precisamente están traballando nunha lei de cultura inclusiva e outra lei de cultura dixital. Cando se aprobarán?
A lei de cultura inclusiva, precisamente para facilitar ese acceso con independencia das condicións económicas, territorais ou persoais de cada quen, está moi avanzada. A de cultura dixital estamos traballando nela e quedará para os vindeiros meses.
Retomarase a carreira para declarar a Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade?
A nosa idea é relanzar a candidatura dando un novo pistoletazo de saída cun congreso que se celebrará en novembro na Ribeira Sacra, onde estarán os maiores expertos a nivel mundial no ámbito da paisaxe cultural. Houbo circunstancias externas que impactaron na candidatura, como a pandemia ou a guerra de Ucraína. Pero estamos cunha enorme ilusión en toda Galicia, e especialmente en Lugo e Ourense, para seguir traballando, porque só nos falta un paso. Tivemos unha retirada estratéxica, pero seguimos traballando para relanzar esa candidatura.
Celebra que se poda falar galego no Congreso?
Aquí fálase galego e castelán con total normalidade e o Parlamento galego é a Cámara autonómica onde máis se fala a lingua propia en España. Pero como dixo Alfonso Rueda con bo criterio, estase creando unha cortina de fume con isto. Hai un uso interesado, que a min me doe, do galego: unha lingua que nos une, nos identifica e da que estamos orgullosos pero que algúns usan como moeda de cambio para opter apoios nunha investidura.