Comer por 1,99 euros es posible

Cando a Iago Otero, copropietario do bar compostelán J de Joker, se lle ocorreu ofertar un menú especial por 1,99 euros para adaptarse á crise, chamou as outras cafeterías da zona para preguntarlles se o considerarían como competencia desleal. Porén, a iniciativa prosperou e neste local situado na rúa Nova de Abaixo de Santiago pódese xantar un prato do día, pan e auga por menos de dous euros. De luns a venres e desde onte mesmo.

Otero explica que o prato do día sempre é algo que se prepara e consume rápido: lentellas, paella, pasta, arroz con polo... Ao cliente permítelle comer de xeito económico e en quince minutos, e o bar, aínda sen moita marxe de beneficio, espera fidelizar algúns usuarios para o café da tarde.

O hostaleiro, que se atreveu a abrir o pasado mes de agosto, ve na crise ''oportunidades'' para prosperar con novas fórmulas. Ademais da iniciativa do menú barato, ofrece produtos da horta e comidas vexetarianas en vez de precociñados; ou un ''menú futboleiro'' aos que ven o partido en grupo. Porén, confesa entre risas que non se atreve, como fixeron algúns locais fóra de Galicia, a poñer menús pola vontade.

Outros casos na capital
Periquillo
O restaurante, na zona de San Lázaro, ofrece dous pratos e un postre a elixir entre dúas opcións por 3,90 euros. Non inclúe bebida.

Cafetería Ardora
Este negocio cercano ao Pazo de Congresos oferta desde hai uns días un prato único por 3,90 euros que inclúe comida, bebida, pan e postre. O café, en caso de querelo, é aparte.

Comentarios