O Concello de Sada insta á Xunta a pedir no Xulgado que se anule a compra venda de Meirás

O concelleiro de Urbanismo cre que sería "unha irresponsabilidade" non prever solucións ante o escenario de venda do pazo

 

Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)
photo_camera Pazo de Meirás. CABALAR (EFE)

O Concello de Sada pedirá na reunión deste luns da Comisión de Expertos sobre o Pazo de Meirás que a Xunta de Galicia inicie no Xulgado unha acción de nulidade en relación ao título de compra venda deste inmoble histórico, a antiga residencia de verán de Francisco Franco que os seus herdeiros acaban de pór á venda por 8 millóns de euros. O goberno local proporá así á Comisión, que se reunirá ás 17.00 horas, que a estratexia xurídica comece por presentar esa acción de nulidade pero sen prexuízo doutras medidas xurídicas que se acorden. Unha acción de nulidade que se considera que debe ir acompañada da súa inscrición no Rexistro da propiedade. 

Francisco Montouto, concelleiro de Urbanismo de Sada —localidade da provincia da Coruña na que se sitúa o Pazo—, e representante do Concello na Comisión, instou a adoptar decisións de forma inmediata xa este luns, manifestando que "ante a urxencia da situación é necesario pechar acordos dunha vez por todas".  Para iso, sostén que é preciso "buscar unha liña xurídica" pero puntualiza que, ao seu xuízo, "a ficha que hai que mover é a acción da nulidade". "Non se trata de barallar fichas, o luns debemos tomar decisións". 

Despois de que os herdeiros de Franco puxeran á venda o Pazo —que Franco recibiu en 1938 após unha recadación a cidadáns, funcionarios e empresas— a través do portal inmobiliario Mikeli, o concelleiro de Urbanismo indicou que se trataría de "unha irresponsabilidade non prever solucións ante o escenario de venda do Pazo" para "conseguir o obxectivo compartido pola cidadanía galega", que "non é outro que a incorporación gratuíta do Pazo ao Patrimonio público". 

Así, tras insistir en que o único escenario que se observa desde o Concello é o dun Pazo de Meirás como patrimonio público pero gratuitamente, insístese en que "a pasividade ou atraso no exercicio das accións xudiciais beneficia aos Franco", sobre todo, se finalmente "se transmite a terceiros".  Para evitar que a venda do Pazo teña lugar, o goberno local de Sada estima que "é urxente que se actúe de forma inmediata conformando unha fronte xudicial reivindicativa desde as diferentes mesas e órganos de participación", en referencia á Comisión de Expertos da Xunta de Galicia e o Xunta a prol da devolución da Deputación da Coruña, ambas con representación do concello. 
 

Comentarios