Conclúe o segundo período da folga das ambulancias lonxe do acordo coa patronal

O 061 condena as picadas en ambulancias, 14 nas últimas 24 horas 

Traballadores de ambulancias concentrados este xoves na entrada do hospital Clínico de Santiago de Compostela. XOÁN REY (EFE)
photo_camera Traballadores de ambulancias concentrados este xoves na entrada do hospital Clínico de Santiago de Compostela. XOÁN REY (EFE)

A folga de traballadores do sector das ambulancias en Galicia mantén este domingo o seu último día do segundo tramo de paros no que o persoal se atopa "máis unido e forte que nunca", pero non ven próximo o acordo coa patronal. 

Tal como sinalou a Europa Press o portavoz da Confederación Intersindical Galega (CIG), Inacio Pavón, o sector está "máis unido" e ao seu xuízo, "quedou demostrado coa presenza e contundencia dos piquetes en todos os hospitais de Galicia"

Desta maneira, valorou o seguimento "do 100%" da folga en todas as áreas sanitarias, "xa que non houbo ningún sitio en Galicia no que fora peor que noutro". "A xente está máis forte hoxe que o primeiro día", destacou Pavón. 

Así, o portavoz da CIG subliñou que o vindeiro xoves, día 28 de febreiro, os representantes dos traballadores volveranse a reunir coa patronal para tratar de chegar a un acordo. 

"De non ser así, continuaremos coas xornadas de folga xa establecidas, que serían do 4 ao 11 de marzo e, após uns días, pararemos de forma indefinida a partir do día 20 dese mes", indicou Pavón, quen engadiu que "se se dá algún avance pero sen chegar a un acordo a folga continuará". 

Neste sentido, destacou que as posturas da patronal e dos traballadores están "moi distantes" e esas "diferenzas abismais" fan que estea "complicado chegar a un acordo". "Non movemos moita ficha porque a patronal non se moveu nada", lamentou.

CULPA Á XUNTA. Ademais, Inacio Pavón reiterou que o problema do sector "partiu da forma na que levaron a cabo os concursos", xa que estes "levaron ás ambulancias a unha situación de colapso". 
Desta maneira, pediu á Xunta "que mova ficha" para solucionar o conflicto. 

O 061 condena as picadas en ambulancias, 14 nas últimas 24 horas 
A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 volveu condenar "firmemente" as picadas rexistradas nas rodas de ambulancias, en concreto en 14 vehículos asistenciais de soporte vital básico desde as 12.00 horas deste sábado até as 12.00 horas deste domingo, no que prosegue a folga dos traballadores do sector. 

Tal e como sinalou a Xunta nun comunicado, ditas ambulancias teñen base nos concellos de Ribeira e O Porriño (con dúas ambulancias danadas en cada un), Tui, Moaña, Boiro, Melide, Nigrán, Redondela, Vigo, Curtis, Sarria e Cangas do Morrazo. Segundo o 061, todos os vehículos substituíronse "no menor tempo posible" e seguiron prestando asistencia sanitaria con normalidade. 

Urxencias Sanitarias insistiu na necesidade dun "comportamento responsable" durante a segunda convocatoria de xornadas de folga, que comezou o pasado luns ás 00,00 horas e que se manterá até as 23,59 horas deste domingo. 

Por estes motivos, o 061 fixo outro chamamento ao comportamento responsable e consecuente, ademais de esixir respecto aos bens e ás persoas. 

Comentarios