sábado. 06.06.2020 |
El tiempo
sábado. 06.06.2020
El tiempo

A contaminación do aire urbano en Galicia cae un 58% na segunda quincena de marzo

Aspecto que presenta este xoves a principal arteria de entrada e saída de tráfico da Coruña. CABALAR (EFE)
Aspecto que presenta este xoves a principal arteria de entrada e saída de tráfico da Coruña. CABALAR (EFE)
Un informe de Ecoloxistas en Acción conclúe que a redución drástica do tráfico está a traducirse nunha "mellora sen precedentes da calidade do aire nas cidades"

A contaminación do aire urbano en Galicia diminuíu un 58% durante a segunda quincena do mes de marzo, coincidindo coa redución do tráfico derivada das medidas do estado de alarma pola crise do coronavirus.

Así o reflicte un informe de Ecoloxistas en Acción elaborado a partir de medicións oficiais en 24 cidades do Estado (incluídas A Coruña e Vigo) e que conclúe que a redución drástica do tráfico está a traducirse nunha "mellora sen precedentes da calidade do aire nas cidades galegas e españolas".

As medidas de restrición da circulación derivadas do vixente estado de alarma provocaron entre os días 14 e 31 de marzo o esborralle do dióxido de nitróxeno. Na Coruña a diminución foi do 56%, mentres que en Vigo chegou ao 60%.

A organización ecoloxista recoñece, no entanto, que esta redución da contaminación produciuse "no contexto dunha situación extrema, en absoluto desexable", que está a orixinar "graves problemas a moitísimas persoas", afectados cos que se solidarizou.

Segundo este informe, desde a declaración do estado de alarma, o pasado 14 de marzo, produciuse unha "baixada drástica" dos niveis de contaminación atmosférica por dióxido de nitróxeno nas principais cidades españolas. Así mesmo, os niveis durante o estado de alarma son os máis baixos neste período da última década en Vigo e na Coruña, na liña do resto de cidades analizadas.

Con iso, a crise do covid-19, explican os ecoloxistas, "demostra que a redución estrutural do tráfico motorizado e os cambios nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixar a contaminación do aire" nas cidades.

A contaminación do aire urbano en Galicia cae un 58% na segunda...
Comentarios