Convocan unha marcha en Santiago baixo o lema 'Somos unha nación'

A manifestación, impulsada pola Plataforma Vía Galega, ten como obxectivo "crear máis conciencia nacional" e "reforzar a autoestima colectiva como país"
Presentación da marcha Somos unha nación. VÍA GALEGA
photo_camera Presentación da marcha Somos unha nación. VÍA GALEGA

A Plataforma Vía Galega convocou para o domingo 24 de abril, ás 11,30 horas, unha manifestación en Santiago de Compostela baixo o lema Somos unha nación, co obxectivo de "crear máis conciencia nacional e de reforzar a autoestima colectiva como país".

Na rolda de prensa de presentación estiveron o portavoz de Vía Galega, Anxo Lorenzo, xunto con outras figuras que leron o manifesto como a comunicadora e actriz Neves Rodríguez, comunicadora e actriz; Marta Dacosta, escritora e profesora; e Pablo Carracedo Jasper, músico, vocalista de Nave e profesor.

Tamén asistiron en representación das máis de 60 entidades que conforman a plataforma o secretario xeral da CIG, Paulo Carril; o presidente da Mesa pola Normalización Lingüística, Marcos Maceira; a directiva da Adega Belén Rodríguez; o coordinador xeral de Fruga, Manuel da Cal; Manuel Agra, de Erguer; Lucia Veciño, da Fundación Galiza Sempre –ligada ao BNG–; a presidenta da A.C. O Galo, María Antonia Pérez; entre outros. Así mesmo, asistiron membros da coordinadora de Vía Galega –Rafael Iglesias, Adrián Bravo, Olaia Chaves e Antón Laxe–.

Este mes de abril, lembra Vía Galega, conmemóranse os 176 anos do abril de 1846 que Manuel María denominou "abril de lume e ferro" en sucedéronse levantamentos, pronunciamientos, proclamas e a creación da Xunta Superior do Goberno de Galiza, que "denunciaba que Galicia estaba convertida nunha verdadeira colonia da corte".

Esta revolución rematou o 26 de abril co fusilamento en Carral dos Mártires da Liberdade. "Estamos ante un fito histórico qeu estaba a colocar os alicerces do nacionalismo soberano e emancipador de hoxe", manifestou Anxo Louzao, quen agregou que "por iso, desde Vía Galega, conscientes da necesidade de lembrar e recoñecernos na nosa historia que durante cinco séculos negouse, ocultou ou manipulou", a plataforma opta pola convocatoria dunha manifestación baixo a referido lema.

"PAÍS OPRIMIDO, EXPLOTADO E NEGADO". Ademais de lembrar esta efeméride, esta manifestación ten como obxectivo "esixir os dereitos nacionais, como nación que somos". "Non só temos todos os trazos que definen a unha nación, senón que temos a vontade de existir politicamente; somos unha nación disposta a responsabilizarnos do noso futuro como pobo, sen subordinacións nin dependencias e pretendemos desterrar a falacia de que somos un país subsidiario", aseverou.

"O que si somos é un país oprimido, explotado e negado; e por iso, esiximos exercer o dereito inalienable que asiste a todas as nacións do mundo: o dereito á autodeterminación, o dereito a decidir por nós mesmos", sentenciou.

Entre os motivos citados, referiuse á crise de prezos de produtos básicos, ao prezo da electricidade, que Galicia exporta pero "non ten tarifa eléctrica galega nin empresa pública do sector"; ou ao "espolio" de materias primas e recursos naturais, así como a "españolización diaria" que padecen os galegos.
 

Comentarios