domingo. 29.11.2020 |
El tiempo
domingo. 29.11.2020
El tiempo

Cortegada volve ser unha illa pública despois de cen anos

Vista aérea da Illa de Cortegada. Foto: Ministerio de Medio Ambiente
Vista aérea da Illa de Cortegada. Foto: Ministerio de Medio Ambiente

Cortegada recuperou hoxe a titularidade pública. Despois de cen anos en mans privadas, a Xunta asome a propiedade desta illa de escasas cinco hectáreas, bañada pola ría de Arousa, a cambio dun talón por valor de 1,8 millóns de euros que lle será entregado á compañía inmobiliaria propietaria da illa.

Coa entrega do cheque, fixado para esta mañá no Concello de Vilagarcía, pónselle o punto e final ó proceso de expropiación forzosa emprendido polo Goberno galego.

A vila pontevedresa celebrará o domingo a conquista da illa para desfrute público cunha serie de actos de entrega oficial, que inclúen a proxección dun documental sobre a historia da propia illa e unha visita a esta, na que participarán o presidente Touriño e o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez.

Un agasallo á Coroa
Cortegada foi o agasallo que o rei Alfonso XIII recibiu de mans dos veciños de Carril en 1910. Os veciños de Vilagarcía quixeron lanzar á zona ó mundo do turismo, aproveitando o progreso que supoñía o recén chegado ferrocarril na mellora das comunicacións. E para darse a coñecer regaláronlle a illa á realeza para que veranease nela.

O actual propietario fíxose co enclave hai corenta anos, cando o fillo do monarca, Juan de Borbón, lla vendeu por sesenta millóns de pesetas. Resta dicir que nos actos do domingo está prevista a entrega de medallas a todas aquelas persoas que loitaron durante anos para que Cortegada volvese ser pública.

Entre elas atópanse o pai da actual rexedora de Vilagarcía e o seu irmán, que presentaron unha demanda conta a coroa por vender un ben co que Carril agasallara a un monarca.

Máis illas públicas
Cortegada está incluída no Parque das Illas Atlánticas, do que tamén forman parte as Ons, as Cíes e a illa de Sálvora. Esta última atópase entre as ansias de expropiación do Goberno central, que xa en xuño anunciara o exercizo dos seus dereitos de tanteo para poñer á illa en mans públicas.

Sen embargo, polo de agora as preocupacións do Ministerio de Medio Ambiente céntranse en Montaña Clara, un illote de ensoño situado fronte a Lanzarote da que os seu actual propietario, un ex procurador de Cortes con Franco, quere desfacerse a cambio de nove millóns de euros. O Ministerio non sabe aínda por que porcentaxe da illa debe poxar, e que di que máis da metade da illa xa é actualmente de dominio público.

Cortegada volve ser unha illa pública despois de cen anos
Comentarios