Unha coruñesa con mobilidade reducida denuncia que Ryanair lle negou asistencia

Non lle axudaron a subir ao avión e presentará unha reclamación para que isto non lle "volva pasar" a ninguén 

Un avión de Ryanair. EFE.
photo_camera Un avión de Ryanair. EFE.

Unha coruñesa con dependencia total e mobilidade reducida denunciou que a compañía Ryanair lle negou a asistencia desde a porta de embarque para subir ao avión cando ía coller un voo desde Bruxelas (Bélxica) ao Porto (Portugal). 

Así o explicou a Europa Press tras facer público un comunicado sobre uns feitos que se produciron o pasado 28 de marzo, no aeroporto de Zaventem. Martina Paz sinalou que, como noutras viaxes con esta compañía, contratou a asistencia desde a porta de embarque. 

Tamén precisou que non tivo problemas na viaxe do Porto a Bruxelas, pero si á volta cando primeiro se lles dixo a ela e ás súas amigas que esperasen xunto ao mostrador. 

Con todo, segundo Martina, logo de telas 40 minutos esperando "e dando longas, díxoseme que non podía embarcar, que non había asistencia". Alega tamén que se lle respondeu que "non facturara a cadeira de rodas" e que non tiña "contratada" a citada asistencia.

RECLAMACIÓN. Esta coruñesa afirma que, cando adquiriron os billetes, xa viña que si a tiña contratada, como figura na documentación que achegou para ratificar a súa afirmación. Ademais, precisa que, para non perder o voo, as súas amigas optaron por levala "polo aire" ata o avión, "colléndome unha polos pés e outra polas axilas". 

Agora, anuncia que vai presentar unha reclamación e recalca que o seu obxectivo é que "isto non lle volva a ocorrer a outra persoa". "Que non volva pasar", explica Martina quen, no entanto, sinala que si recibiu información da compañía sobre o proceso de reclamación.

A aerolínea delega responsabilidades

Pola súa banda, Ryanair rexeitou que se producise unha actuación indebida por parte do seu persoal a través dun comunicado no que sinala que "o servizo de asistencia con cadeiras de rodas no aeroporto de Bruxelas opérano o provedor de servizos Axxicom Airport Caddy e o propio aeroporto, un servizo polo que cobran un elevado custo ás aerolíneas", engade.

Ademais, afirma que Axxicom Airport Caddy e o aeroporto de Bruxelas "son os responsables deste servizo e, por tanto, de calquera problema que se produza no mesmo". 

Comentarios