Miércoles. 19.09.2018 |
El tiempo
Miércoles. 19.09.2018
El tiempo

Críticos de En Marea chaman á renovación "inmediata" do Consello

Reunión do Consello das Mareas. PEPE FERRÍN (AGN)
Reunión do Consello das Mareas. PEPE FERRÍN (AGN)

Destacan a situación de "degradación" do espazo e esixen "garantías democráticas" para cambiar a dirección 

Críticos coa dirección de En Marea chaman á renovación "inmediata" do Consello das Mareas mediante un adianto dos prazos previstos, mesmo a través de "revogatorio" de ser necesario, co obxectivo da reformulación do proxecto canto antes. 

Nun documento de conclusións de cinco folios da chamada "mesa da confluencia", impulsada por Compostela Aberta –da que forman parte Ferrol en Común, Marea Atlántica, Anova, Esquerda Unida e Podemos–, apúntase que se chega a esta situación porque se comparte "un diagnóstico sobre a situación de degradación do espazo de unidade popular". 

Así, co obxectivo de "renovar e relanzar" o Consello das Mareas como "órgano de dirección política", a coordinadora de Compostela Aberta –formación que lidera o alcalde Martiño Noriega– realizou unha rolda de contactos da que se conclúe que "o actual deseño" de En Marea "non é válido tal e como existe agora", aínda que "si podería valer" no que caso de que se fagan "axustes". 

Nesta liña, laméntase que estatutariamente a renovación do Consello das Mareas tería que facerse a finais de xaneiro de 2019, "a só catro meses" dunhas eleccións municipais, nunha proximidade temporal que "non parece a máis adecuada". 

De tal forma, afírmase que o mandato do actual Consello "está esgotado politicamente" e que "a súa renovación, cuantos antes, é o único camiño que pode achegar a un relanzamento de En Marea". "Se finalmente o Consello das Mareas non activase a súa renovación de modo inmediato existirían motivos suficientes para buscar outras vías como o revogatorio", avisa. 

Tras a segunda reunión da mesa para a confluencia do pasado 9 de agosto márcanse como señas de identidade a manter o municipalismo, a unidade popular, o reforzo do suxeito político galego e a pluralidade interna.

"GARANTÍAS DEMOCRÁTICAS". A continuación, "sexa pola vía do adianto" ou "revogatorio", pídense "garantías democráticas" para abordar o proceso como que a proposta de regulamento para a renovación do Consello "sexa clara e non dea lugar a interpretacións confusas". 

Os críticos tamén queren que "se clarifique a validez e vixencia" do actual censo de En Marea e se está adaptado á normativa vixente ou non, así como que se facilite a inscrición a aquelas persoas que participen do espazo.

"DIVISIÓNS E PELEXAS". Nestas conclusións reflexiónase sobre a necesidade de "revisar os erros". "Do mesmo xeito non podemos obviar como as divisións, pelexas e discrepancias públicas están a minar o proxecto, coa consecuente baixada nas expectativas electorais que se auguran nas enquisas". 

Por iso, emprázase a fuxir da "tradicional división das forzas da esquerda galega". "Para que a ferramenta sexa válida hai que reverter a deriva destrutiva, deixar de resaltar as diferenzas e colocar o foco en todo o que nos une, en todos os proxectos comúns, en todas esas ideas de país que compartimos e que só poderán materializarse se, outra vez, somos quen de confluír, cooperar e construír dentro dun proxecto común, amplo e aberto de unidade popular". 

"Activándose xa o proceso conseguiremos distanciar esta renovación dos procesos municipais e colocar nun segundo plano as cuestións orgánicas relacionadas con En Marea", conclúe o texto. 

Todo iso, á espera de que En Marea convoque ao Consello das Mareas –onde o sector que controla a coordinadora ten maioría, órgano máximo de dirección entre plenarios, para abordar a celebración dun plenario. 

Este impulso liderado por Compostela Aberta, que goberna Santiago desde 2015, prodúcese nun momento de división interna acentuada desde o incidente da deputada Paula Quinteiro coa Policía en Santiago o pasado mes de marzo, co liderado do portavoz rupturista, Luís Villares, discutido por parte de diversos sectores de En Marea.
 

Críticos de En Marea chaman á renovación "inmediata" do Consello
Comentarios