Cruzamento de reproches entre Feijóo e Villares no Parlamento pola mina de Touro

O líder de En Marea preguntou ao titular da Xunta cando vai dar carpetazo ao proxecto ► "Galicia non se vende, faremos cumprir a lei", respondeulle o presidente

Manifestación en contra de la mina de Touro. PEPE FERRÍN (AGN)
photo_camera Manifestación en contra da mina de Touro. PEPE FERRÍN (AGN)

O presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este mércores que a decisión do seu Goberno para autorizar a activación ou non do proxecto mineiro en Touro-O Pino farase conforme á lei porque "Galicia non se vende" e, por iso, reclamou á oposición que non intente xerar "alarma social".

Núñez Feijóo respondeu así a unha pregunta do portavoz de En Marea, Luís Villares, na que a cuestionou ao dirixente autonómico "cando dará carpetazo" á posible reapertura da mina, que terá efectos prexudiciais para a comarca e que conta co rexeitamento dos miles de persoas que o 10 de xuño protestaron en Santiago contra o proxecto mineiro ao entender que de saír adiante, poría en perigo a contorna ambiental da zona. Fronte a iso, Núñez Feijóo incidiu en que a pesar das críticas vertidas desde a oposición, o Goberno galego non promoveu "ningún proxecto" posto que o único que está a facer é tramitar unha solicitude que "necesita quince informes".

Deste xeito, asegurou que, de feito, se non obtén os informes positivos, a mina "non terá permiso" para a súa reactivación.
"Iso é evidente, somos os garantes da lei, aínda que vostede nin sequera recorde que é a lei", reprochoulle ao maxistrado en excedencia do TSXG. Ademais, a normativa que se aplicará será a redactada polo bipartito PSdeG-BNG, polo que a oposición debería estar de acordo coa mesma "aínda que agora parece que a critican", asegurou.

"Vostede estaba de acordo coa lei que a min me di que non aplique", criticou aludindo a unha militancia pasada no BNG por parte de Luís Villares. Neste sentido, asegurou que "se o pacto é cumprir a Lei de minería en Galicia" o Parlamento ten a "palabra" do presidente de que así se fará posto que non ten "máis compromiso que cumprir as leis".

"Galicia non está en venda,", subliñou Núñez Feijóo que ademais reivindicou que a pesar dos agoiros da oposición, a Xunta denegou os permisos de explotación en Corcoesto e de segregación de actividades a Ferroatlántica.

Núñez Feijóo explicou que no marco da mina de Touro, o Executivo abriu "tres expedientes" pero que teñen relación coa extracción de áridos e non de cobre, aínda que avanzou que de ser necesario "seguiremos multando". "Nós imos seguir traballando en defensa dunha minería sostible" polo que lle pediu á oposición que non opte por seguir "enganando á xente". Ademais, puxo en valor a "folla de ruta" do seu Executivo para o saneamento das rías e destacou que se destinarán 1.100 millóns de euros a iso.

Pola súa banda, Luís Villares, incidiu en que ve procedente que non se autorice a apertura da mina porque "a día de hoxe coñécense os informes sectoriais que revelan o grave impacto ambiental e social do proxecto" e que foron emitidos por organismos oficiais. Segundo Villares, a propia Xunta coa apertura de informes certifica a contaminación actual de ríos e acuíferos, mentres que o Estado cuestiona incluso a viabilidade económica da explotación e critica a falta de rigor do proxecto. "Os datos que lle acabo de presentar son oficiais" por iso é necesario que diga "canto vai tardar a darlle carpetazo á mina de Touro; cando vai facer cumprir a Lei", incidiu o líder de En Marea, que esixiu que a Xunta actúe en favor da cidadanía e non "dos intereses particulares".

Reclamou ademais que o Executivo non volva actuar con 'agostosía', "variante popular da aleivosía, no mes de agosto" como fixeron coa publicación do proxecto, ou coa reforma sanitaria, para que os veciños non se puidesen defender. Con todo, o presidente do Goberno galego pediulle que se a En Marea tanto lle importa a calidade das augas, insten o Concello de Santiago a facilitar a nova depuradora da cidade en lugar de seguir "vertiendo ao río Sar de forma permanente e constante", a pesar de ter un acordo co Executivo central.

"Tiñamos un acordo e parárono, ¿van vostedes a seguir esnaquizando medioambientalmente o río Sar?", cuestionou a Villares. Mentres Núñez Feijóo facía esta referencia, o viceportavoz parlamentario de En Marea, Antón Sánchez, imitaba o portavoz do PP de Santiago, Agustín Hernández, que nun acto para denunciar a situación na que se atopa o río compostelán acabou el mesmo tirando lixo á auga.