"Da lista de trinta materiais críticos que fixo a UE aquí hai alomenos 15"

Juan José López Muñoz, presidente da Cámara Oficial Minera de Galicia ► Este enxeñeiro de minas e director de Caolines de Vimianzo chegaá xerencia coas ideas claras: se a Xunta abre os concursos que levan anos parados o sector tirará da economía pospandemia. "A nosa capacidade para aumentar a cadea de valor é única", di. 
Juan José López Muñoz (Santa Comba, 1972). AGN
photo_camera Juan José López Muñoz (Santa Comba, 1972). AGN

Aféctalle a pandemia ao sector?

Temos algún subsector especialmente afectado, como o dos balnearios, que forman parte da Cámara Minera e que tiveron que pechar si ou si. Pero en xeral todo o sector se ve afectado. As empresas que exportan granito, pizarra ou caolín están a ter grandes problemas co tráfico internacional porque non hai contedores dabondo como para que as súas materias primas saian ao ritmo que esixe a demanda actual.

Polo menos hai demanda.

Si. Vese xa desde finais do primeiro trimestre deste ano.

Pandemia aparte, como está o sector hoxe en Galicia?

Estancado. E quizais todo o ruído inxustificado ou interesado que hai arredor non axuda. Pero tanto antes da pandemia como sobre todo agora resulta evidente que o sistema económico de Galicia non pode basearse no terciario, senón que temos que tirar do primario e do secundario. O primario son agricultura, pesca e minaría e o secundario precisa as materias primas que producimos nós. Pero o problema é que levamos moitos anos parados agardando polo concurso mineiro.

Que é o concurso mineiro?

A actividade mineira é regulada e concesionada, o que significa que somos contratistas especializados da Administración. E cando o sistema precisa zahorra, caolín, ferro ou o material que sexa periodicamente saca concursos para poder obter eses recursos. O problema é que agora leva moito tempo sen sacalos, e os permisos activos van caducando, o que ao final bloquea a actividade. Nese sentido, estamos nun momento crítico porque moitas empresas xa non teñen máis recursos. O último concurso foi en 2011 e nin sequera se resolveu de todo.

E a que se debe ese parón?

Foi un pouco por todo este ruído do sector antimina. Isto non é un debate entre minería e ecoloxistas senón entre mina e antimina. Conxelouse a actividade de novos proxectos e moitas das alegacións presentadas ralentizaron os expedientes en marcha. E iso xera incerteza porque as empresas non saben que facer.

O sector agarda que se abran concursos xa que hai centos de proxectos agardando; se nos deixan traballar imos ir en punta

E que lles di a Xunta ao respecto?

Nas reunións que tivemos trasladamos esa inquedanza e outras importantes como a necesidade de axilización dos trámites mineiros a través da dixitalización. Agora hai unha nova dirección xeral na Xunta que coñece os nosos problemas así que hai que pedir calma ao sector e confiar no novo equipo, a ver se pon isto en marcha. Alomenos eles son conscientes de que un dos grandes motores económicos galegos é o mineiro.

E que cifras manexa ese motor?

A minaría xera uns 10.000 empregos en Galicia, onde existen uns 400 dereitos mineiros que explotan unhas 200 empresas, a maior parte delas pemes. A facturación rolda os 600 millóns de euros anuais. Pero o máis relevante e descoñecido respecto á minaría é a súa enorme capacidade para aumentar a cadea de valor. Unha planta que moe árido pode ter por riba unha planta de formigón que usa ese árido, e esta á vez terá unha de prefabricados de formigón, e esta terá por riba unha construtora de naves de obra... Poñamos outro exemplo agora que se fala tanto de Endesa: a térmica montouse en As Pontes porque alguén investigou no seu momento e descubriu que había lignito, así que toda a industria xorde alí porque había unha mina.

Moita da actividade mineira xérase ademais en concellos do rural.

Si, fundamentalmente porque é onde nos deixan. Pero os xacementos están onde a xeoloxía o decide. Outra cousa é onde se investiga. Eu penso que a nosa obriga, en todo caso, é investigar en calquera campo da xeominaría para saber o que temos. Despois xa decidiremos se se explota agora, no futuro ou se non se explota. Pero coñecer os recursos que temos dispoñibles é importante.

Pode sorprendernos o que temos?

Unha anécdota: a unha empresa de Santiago de compoñentes electrónicos empeza a escasearlle un material que importa e vai ralentizar a produción pola falta desa materia prima. Pero hai un problema: agora a UE dase conta de que determinados países, en lugar de vender esa materia prima como pode ser litio, wolframio ou cobre, xa che vende o compoñente feito. E se eles non che permiten o acceso a esa materia prima teremos que buscala nós aquí. Esa é a gran xogada mundial e o risco ao que se enfronta Europa: hai materias primas que están sendo controladas por determinados países e cando nos demos de conta xa era tarde. Por iso a UE fixo a listaxe de 30 materiais críticos importantísimos para buscar aquí. E dese inventario, polo menos 10 ou 15 témolos en Galicia. E o resto non se sabe porque non se investigou. Temos que empezar a recuperar materiais aquí para evitar a chantaxe de intento de control global.

Moitos galegos descoñecen que somos líderes mundiais en pizarra ou unha potencia en granito.

E tamén en balnearios e auga embotellada. E o cuarzo que temos en Galicia é do mellor de Europa. E en Viana do Bolo, naqueles estériles dunha mina de hai 30 anos agora hai coltán, un dos materiais máis valiosos e escasos. E nas areas de caolín da nosa mina de Vimianzo extráese hoxe unha da mellor mica moscovita de Europa.

É optimista co futuro?

O sector está como tolo porque se abran concursos. Hai un montón de proxectos para abrir ou ampliar canteiras e minas e outros novos, tamén en metais e terras raras. Estamos tentando empurrar xa os que teñen problemas burocráticos menores e agardando polo concurso mineiro, que ten bloqueados centros de proxectos nas catro provincias. Se a Administración se move na tramitación e nos deixan traballar, nós imos ir en punta. 

Conflito ambiental: "A maioría son mineiras galegas interesadas en ser ecosostibles" 

É posible a minaría sostible?

Si porque non hai outra! Hai exemplos de minaría circular, o que ocorre é que non é perfecta porque non podemos recuperar todos os minerais, pero ese é o camiño. A minaría xa o fixo desde sempre, pero hai cen anos nin os criterios técnicos nin a tecnoloxía permitían facer o mesmo que hoxe. Había materiais que non se aproveitaban e agora interesan, ou había algúns interesantes pero non se podían explotar por falla de desenvolvemento técnico. O que fai hoxe o sector é usar as entulleiras e balsas de estériles para acumular materiais, que quedan documentados, contando que no futuro se podan reutilizar. Ademais, as leis de corte polas que nos guiamos son hoxe mellores que as de hai 40 anos. E tampouco podemos esquecer que a maioría das empresas do sector son galegas, de aquí, así que son as primeiras interesadas en ser ecosostibles.

E que ocorre con todos eses buratos abertos polo territorio.

Coa lei de minas de 1973 as empresas tiñan uns códigos de conduta nos que se comprometían a restaurar as explotacións, pero non é ata 1995 cando entra en vigor a obriga de facer plans de restauración. Investigas unha zona e tes que presentar un proxecto de explotación e un plan de restauración e, en base a eles, a Administración impón fianzas ambientais e económicas para garantir a rexeneración do lugar. E logo ano a ano preséntase un plan de labores para dicir o que se fixo e o que se vai facer. O termo usado para esas vellas explotacións é o de pasivos mineiros, que son moi interesantes e pódense usar de diversas formas. E se están hoxe sen rexenerar é porque son anteriores a esa lei ou porque houbo problemas burocráticos ou legais con eles.

E resolverase o conflicto social cos movementos antimina?

Aínda que haxa debate, a min gustaríame que houbese unha posición proactiva. O que non podes é ir por aí vendo cruces ou que che digan que envelenas nenos. Dóeme, e non imaxinas canto. Como me poden dicir que eu enveleno a miña filla! Cada un de nós procura facelo o mellor que pode para el e para os seus veciños. Todo ten a súa parte B, tamén o agrícola, o forestal, o acuícola... Somos unha actividade como as outras e estamos hipercontrolados.

Comentarios