Del micrófono a la aguja

En 1980, María Isabel Silva, unha moza de Boqueixón, entrou no despacho que tiña o compositor Manuel Muñiz na rúa compostelá de Xeneral Pardiñas co ánimo de triunfar no mundo da música. En 2012, tras multitude de aparicións nos escenarios e nas pantallas galegas co nome artístico de Sabela, volve a esa mesma rúa para montar a xastrería e boutique SherryKash co seu socio.

''É curioso como todo xira, como un ciclo'', reflexiona a cantante, que non renunciará á súa carreira artística e seguirá actuando e sacando discos. Tras residir durante cinco anos en Asturias, retorna a Galicia para asentarse en Santiago, unha cidade que lle ''encanta'' e que lle permite estar preto dos amigos e da familia, e desde a que pode ver o Pico Sacro do seu Boqueixón natal.

Sabela define a súa nova iniciativa empresarial como unha ''tolemia que vai saír ben'' en plena época de crise, e non só polas connotacións do lugar. O tipo de establecemento que abre as portas en Xeneral Pardiñas, explica a cantante convertida en relacións públicas, é ''diferente'' ao concepto de moda que hai agora na capital de Galicia, en gran medida pola parella que ten ao seu lado.

Para ocuparse das tixeiras e agullas, Sabela conta cun amigo co que se reencontrou recentemente: Juan Carlos Veiga, un barcelonés de 36 anos fillo de galegos emigrados que vestiu personalidades como Emilio Botín, Jordi Pujol e o rei Don Juan Carlos.

Apaixonado da terra dos seus pais, Juan Carlos volveu a Lugo a exercer o seu oficio no Gran Hotel, por onde pasaron polas súas mans personalidades como José Blanco ou Manuel Pizarro. O xastre di saber combinar elegancia e capacidade de adaptar a prenda á personalidade do cliente.

Ademais dunha xastrería que atenderá tanto mulleres como homes, a tenda actuará como punto de venda de prendas xa fabricadas e de complementos de luxo. Sempre, segundo Sabela, con elegancia e cun modelo de negocio ''moi inglés''. Os clientes, ademais, poderán contar cos consellos da cantante, que, segundo afirma, sempre tivo ''bo gusto'' en cuestións de roupa.

Dos tempos de Ana Kiro aos do Facebook
Moitos cambios tiveron lugar desde que unha novísima Sabela subiu a un escenario en Ordes na súa primeira actuación, en 1980. Daquela só había dúas orquestras en toda Galicia nas que actuasen mulleres, e era algo que non estaba de todo ben visto, incluso por parte da familia da cantante. Case todas as súas cancións versionaban a pioneira Ana Kiro, á que sempre admirou. Porén, Sabela sempre se gabou de ser moderna, e ir, se cadra, un paso por diante do seu público, ''algo que non sempre puido entender''.

Tamén cambiou a maxia do directo. Antes, o directo da verbena era máis especial e o artista causaba unha ''sensación'' que se foi perdendo agora que os cantantes saen pola tele ''ás veces antes de empezar a súa carreira''. Pero non todo é negativo. A cantante admite que se pasou sen temor ás novas tecnoloxías. Ten web propia e un facebook que lle mostraron que segue tendo fans entre os máis novos, algo que admite que a ten ''encantada''.

Pero, aínda que hai moito que lle gusta do mundo de hoxe, Sabela non pode dicir o mesmo da súa música. Aínda que tocou novos estilos como o dance, cre que a música de agora ''esta ben para saír de marcha, e hai algúns que me gustan moito como Amaral'', pero para escoitar prefire a canción romántica e a dos 60 e 70. Sabela cre ademais que tivo que adaptarse e ''sacrificar'' algo do seu gusto: ser máis comercial e mirar os sitios nos que actúa con antelación para ver que se espera dela. Pero non o lamenta, en parte porque é común á maioría dos artistas e en parte polo moito que lle gusta o contacto co público.

Comentarios