Denuncian 154 agresións sexuais en Galicia na primeira metade do 2007

O 'violador do chándal', imputado por dúas violacións e seis tentativas, reabriu nos últimos días o debate sobre a posibilidade de reinserción dos agresores deste tipo. Máxime, tendo en conta que fora condenado a 106 anos de prisión por feitos destas características (acontecidos en Asturias e León), dos que apenas cumpriu 12. Volveu a reincidir e, agora, impútanlle dúas violacións e seis tentativas.

Este é un caso dun 'violador en serie' ó que se suman moitos outros que cometen delitos de abuso, acoso e agresión sexual, atentando sempre contra a liberdade sexual das mulleres.

Nas últimas semanas coñecéronse diversos casos. A comezos de xullo, en Pontevedra, un home duns 52 anos era sorprendido procurando agredir a unha muller; a finais dese mesmo mes uns pais lograban reter en Lugo a un individuo que se dispuña a violar á súa filla no portal da vivenda; tamén en Muxía presentouse unha denuncia por violación e en Pontevedra investigábanse dous delitos destas características acontecidos en praias da zona de A Guarda.

Son só algúns dos exemplos que se van sumando á estatística sobre a actividade delitiva, aínda que non son todos. Os últimos datos ó respecto indican que en Galicia rexistráronse, ata finais de xuño, un total de 154 accións delitivas de abuso, acoso e agresión sexual. Isto é, que cada semana foron presentadas seis denuncias por algún destes delitos.

A quinta comunidade con máis delitos

Nesta liña, Galicia acapara o 4,6% dos casos que chegaron ós Corpos e Forzas de Seguridade no conxunto estatal no primeiro semestre do ano, se ben esta porcentaxe situase moi afastada do que rexistran outras comunidades. Andalucía (20,9%) e Madrid (20,2%) acaparan neste período o 40% das agresións ou abusos sexuais denunciados. Logo situase a Comunidade Valenciana (15,4%). Galicia ocupa o quinto posto das comunidades con máis delitos deste tipo.

A tendencia dos últimos anos non foi constante. Segundo os datos aportados polo Instituto da Muller, o 2005 foi o peor en Galicia, pois o número de agresións sexuais ou abusos foi de 374 (un 5,1% das contabilizadas no conxunto do Estado). No ano 2006, a comunidade rexistrou un descenso das denuncias presentadas por estes feitos (foron 311), se ben a aportación ás estatísticas estatais foi dun 4,5% (5,9 denuncias semanais). Cifras, en todo caso, similares ás obtidas no primeiro semestre do ano.

O balance do ano 2004 Galicia rompeu a barreira das 300 agresións ou abusos sexuais. Dende entón, os casos contabilizados cada ano superaron esta cifra.

87 condenados
A liberación dos condenados por delitos contra a liberdade e indemnidade sexuais vai, en ocasións, acompañada da reincidencia. Algúns expertos, de feito, aseguran que a prisión non rehabilita a estes agresores e que non existen terapias eficaces para curalos.

No conxunto estatal, dos 1.270 homes condenados en 2005 (son os últimos datos dispoñibles) por este tipo de accións delitivas, 130 eran reincidentes.

Neste mesmo ano, Galicia sumou 87 condenados por delitos contra a liberdade e indemnidade sexuais, situándose como a cuarta comunidade. Andalucía (234 condenados), Cataluña (198) e a Comunidade Valenciana (171) sitúanse á cabeza deste ránking.

Comentarios