Denuncian o "desprezo" ao galego por parte da Garda Civil en Gondomar

A Mesa sinala unha proposta dunha sanción ao Concello polo uso do idioma nos sinais de tráfico

A Mesa pola Normalización Lingüística solicitou ao Ministerio de Interior que abra unha investigación e que depure responsabilidades polos "ataques sistemáticos" e "persecucións" ao uso do galego por parte da Garda Civil de Gondomar.

O último episodio deste "desprezo", sinala A Mesa nunha nota, é a proposta dunha sanción ao Concello de Gondomar por usar o galego nos sinais de tráfico.

Unha mostra de "sectarismo ideolóxico e racismo lingüístico que non se pode consentir nun estado democrático", abunda A Mesa, que dirixiu as súas queixas tamén cara á Comandancia de Pontevedra, a Secretaria Xeral de Política Lingüística e a Valedora do Pobo.

Lembra o presidente da Mesa, Marcos Maceira, que no verán de 2015 denunciou que o posto da Garda Civil de Gondomar negouse a atender unha denuncia por un roubo porque estaba escrita en galego e que derivou en "unhas simples desculpas" por parte da Comandancia de Pontevedra.

Maceira considera "extremadamente perigoso" que estamentos que teñen que velar polo exercicio dos dereitos fundamentais, como o uso da lingua propia, acaben "encabezando a súa persecución".

Comentarios