viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

As Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra piden a Feijóo "un maior apoio" á hostalería

Carmela Silva, durante a reunión telemática con Valentín González Formoso e José Tomé. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA
Carmela Silva, durante a reunión telemática con Valentín González Formoso e José Tomé. DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

Entenden que as entidades locais fixeron un "importante esforzo" desde o inicio da pandemia, mentres que a Xunta "mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados"

As Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, presididas por militantes do PSdeG, acordaron este venres esixir ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, "un maior apoio" aos sectores máis afectados polos efectos da pandemia, como a hostalería e o comercio local, informa a institución provincial coruñesa.

Nunha videoconferencia na que participaron os presidentes e a presidenta das tres Administracións provinciais socialistas, Valentín González Formoso (A Coruña), José Tomé (Lugo) e Carmela Silva (Pontevedra), aseguraron que todas as Deputacións e a maioría de Concellos puxeron xa en marcha liñas de axudas para apoiar aos sectores produtivos máis afectados.

Esta fronte común, indica a mesma fonte, chega "tras nove meses de esforzo do mundo local sen ter recursos nin competencias".

Así, esixiron que a Xunta incremente o seu apoio a sectores como o da hostalería ou o pequeno comercio implantando bonificacións fiscais nos impostos de carácter autonómico que carga a estes sectores, como o canon de tratamento de lixo de Sogama, o canon de augas ou o tramo autonómico de IRPF.

As tres Deputacións entenden que as entidades locais fixeron un "importante esforzo" bonificando ou suprimindo temporalmente taxas e impostos, mentres que a Xunta "mantén a súa presión fiscal aos sectores máis afectados", condenan.

González, Tomé e Silva coincidiron en destacar "a falta de respecto e lealdade institucional" da Administración autonómica na forma en que se deu a coñecer o fondo de cooperación, "sen pactalo previamente coas entidades locais", que xa teñen en marcha os seus propios plans para paliar os efectos económicos da crise.

Neste sentido, lamentan que "a cogobernanza que Feijóo pide ao Goberno de España non a aplique en Galicia".

Esta petición conxunta chega un día despois de que o presidente da Xunta pedise unha maior implicación a Deputacións e concellos e ao Goberno central para apoiar á hostalería.

Núñez Feijóo avogou pola colaboración doutras administracións públicas para axudar a este sector; a Administración xeral do Estado "abonando os Erte" en tempo e forma e a municipal "non cobrando impostos: de lixos, auga, IBI, IAE e terrazas".

"Non me parece razoable que se pasen a cobranza ao sector da hostalería estes tributos", incidiu este xoves o presidente galego, que se mostrou a favor do denominado "modelo Valencia", cun 50% de fondos por parte do Goberno autonómico, un 30% polas deputacións e un 20% polos concellos.

Silva acusa á Xunta de "trilerismo" respecto ás axudas para a hostalería
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, cualificou de "trilerismo político" o anuncio do vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, de poñer en marcha un plan de axudas á hostalería, similar ao "modelo Valencia", que permita habilitar un Fondo de cooperación financiado polo Goberno galego, as deputacións e os concellos.

En resposta ás preguntas dos xornalistas no transcurso dunha rolda de prensa, Carmela Silva sinalou este venres que o vicepresidente da Xunta "xoga de farol" porque non informou dos seus plans ao resto de administracións implicadas neste "proxecto pantasma".

Carmela Silva esixiu "respecto aos sectores produtivos que o están pasando certamente mal", á vez que acusou ao Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo de usar "ao vicepresidente como o trileiro maior do Reino" e funcionar "sen ningún tipo de rigor"

"Só reacciona de maneira improvisada cando ten á xente na rúa", criticou Silva para, a continuación, censurar que "sen falar con ninguén, sen chamar a ninguén, sen estratexia de cooperación e con total deslealdade institucional" a Xunta anuncie #ante os medios un "suposto" plan de axudas ao sector no que se implica aos concellos e as deputacións.

"É dicir, ao mesmo mundo local ao que desprezou durante todo un ano, ao que non quixo recibir, ao que non deu nin unha soa resposta aos seus chamamentos de colaboración agora di a Xunta que lles quere obrigar a colaborar", afirmou Carmela Silva.

A presidenta da Deputación lembrou o "esforzo sobrehumano" que fixeron todos os concellos da provincia e a propia administración provincial para achegar axudas aos sectores produtivos afectados pola crise "cos escasos recursos" que teñen e "sen recibir nin un só euro nin do Goberno do Estado nin da Xunta".

As Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra piden a Feijóo "un...
Comentarios
ç