Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

Unha deputada de En Marea, implicada nunha disputa coa Policía por vandalismo

Paula Quinteiro. EP
Paula Quinteiro. EP

O atestado policial recolle que "dificultou" a identificación dun mozo en Santiago e a parlamentaria defende que mediou para acougar a situación 

d

A deputada de En Marea e inscrita de Podemos —da corrente Anticapitalista— Paula Quinteiro viuse envolta nunha disputa coa Policía Local de Santiago na madrugada do sábado ao domingo da pasada fin de semana, cando os axentes realizaban un control após unha denuncia por vandalismo. 

Segundo recolle o atestado policial, cuxas dilixencias foron trasladas á Policía Nacional, Quinteiro formaba parte dun grupo de mozos que esa noite (1.20 horas da madrugada) foi interceptado polos axentes despois de que un veciño denunciase a rotura de varios espellos retrovisores dos coches estacionados nunha rúa próxima. 

O relato policial sinala que atopou a un grupo de 15 mozos, un deles con gorro verde —o que coincidía coa denuncia do veciño— e outro cunha botella de cervexa que "mostraba actitude de tentar golpear diverso mobiliario urbano" e que chegou a gritar "Policía, fillos de puta", segundo recolle o atestado. Os axentes solicitaron a dotación doutra patrulla nese momento. 

Segundo a Policía, Quinteiro "tratou de impedir" que os axentes identificasen a un mozo tras unha denuncia por actos vandálicos

Foi nese momento, cando tentaron identificar a unha das persoas que ían no grupo cando sucedeu a disputa. Segundo o relato policial, pediuselle ao mozo que "se mostraba máis agresivo e que anteriormente insultara e fixera unha peineta" aos axentes que se identificase e a deputada, que acudiu até o lugar "chamada" polo mozo "interpúxose entre o home, exhibindo unha tarxeta parlamentaria, tratando de impedir a identificación e dificultando en todo momento a intervención da Policía". 

Con todo, Paula Quinteiro, en declaracións a Europa Press, afirmou que un dos policías actuou "de forma desmedida e foi violento" e, mesmo, chegou a deixar no chan ao mozo. A Policía sinala, pola contra, que ante a resistencia a identificarse do novo, foi "conducido ao chan onde foi reducido", momento no que accedeu a entregar o DNI, que o identifica como Fernando B.R., e que tamén está vinculado co mesmo movemento político. 

"A miña única intención foi tratar de mediar e de que o problema pasase; en ningún momento obstaculizar. Díxenlle (ao mozo) que se identificase", afirmou Quinteiro. 

Fronte á versión dada por ela, o atestado policial asegura que se identificou como "deputada" con afirmacións de que estaban "a interferir o seu labor como parlamentaria" e mesmo ameazou con "interpor unha interpelación parlamentaria ante o Parlamento galego pola actuación policial". 

A deputada asegura que a súa intención foi "mediar" para que o conflito "pasase"; "en ningún momento obstaculizar"

Con todo, Paula Quinteiro rexeitou esta versión e asegurou a Europa Press que, cando se identificou como deputada, foi "empuxada" ao carón. "O único que quería era mediar e buscar unha solución", insistiu a deputada.

APOIO DE EN MAREA. Paula Quinteiro mostrouse "sorprendida" por que transcendese o ocorrido o pasado sábado, xa que non lle deu "ningunha relevancia". Explicou que a ela non lle pediron identificación e que acudiu xunto ao outro mozo porque entendeu que "había unha actuación policial desmedida e desproporcionada por parte dun axente". 

Quinteiro insistiu en que a súa "única intención" foi tratar de "mediar" e que o "problema pasase". "Eu persoalmente identifiqueime eu, por vontade propia", aseverou a parlamentaria, quen ante as palabras que recolle o atestado sobre que aludiu á súa condición de aforada dixo en "ningún momento fixo valer ningún tipo de dereito". 

A parlamentaria asegurou que, en todo caso, comentou o ocorrido ao portavoz do Grupo de En Marea, Luís Villares, o mesmo domingo e que recibiu o "apoio" da formación política. 

Fontes policiais consultadas por Europa Press indicaron que a Policía Local non elevou ningunha proposta de sanción para estas dúas persoas identificadas, pero as dilixencias pasaron á Policía Nacional que, pola súa banda, tamén requiriu a documentación unha terceira persona. 

Unha deputada de En Marea, implicada nunha disputa coa Policía por...
Comentarios