O deputado do BNG Mini canta unha panxoliña de Fuxan os Ventos no Parlamento

O PP agradece o "agasallo" de Nadal pero subliña que "agora toca traballar dentro dunha estratexia nacional" 

Instante da intervención de 'Mini' no Parlamento no que canta unha panxoliña. EP
photo_camera Instante da intervención de 'Mini' no Parlamento no que canta unha panxoliña. EP

O deputado do BNG Xosé Luis Rivas Mini, recoñecido no ámbito musical polo dúo que conformaba co tamén cantautor Baldomero Iglesias Mero, entoou os versos dunha panxoliña ao comezo da defensa dunha moción sobre como debe prepararse Galicia ante a nova política agraria común (PAC), co obxectivo de "fecundar o país" ante os cambios que se aveciñan.  "Se o Nadal é todo un rito de retorno da abundancia, en sete anos, ante a futura PAC, fecundemos o país", proclamou, despois de cantar o comezo de Cun sombreiro de palla, a panxoliña que cantaban Fuxan os Ventos, grupo do que formaron parte Mini e Mero. 

Con isto, o nacionalista puxo a nota de cor ao último pleno do ano, en defensa dun texto que buscaba o "fortalecemento" dos sectores primarios. Ao termo da súa intervención, o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, valorou que "quen tivo retivo", ao termo dun pechado aplauso de todos os grupos da oposición. 

A iniciativa, en concreto, pedía á Xunta "elaborar un exhaustivo plan estratéxico de Galicia" con "todos os aspectos diferenciais" da comunidade que se deben "protexer" para que a futura PAC "non lesione os intereses do rural galego". 
Tamén solicitaba "un catálogo de medidas urxentes de estimulación e desenvolvemento do rural galego", para polos en práctica no próximos sete anos, co obxectivo de que a finais de 2027 "se atope en condicións competitivas para o acceso a unha posible liberalización dos mercados agrarios europeos". 

Pola súa banda, o socialista Raúl Fernández e o deputado de En Marea Davide Rodríguez mostraron a súa postura a favor de este "exhaustivo" plan, centrados na necesidade de adaptar o campo galego ás modificacións da PAC.

ORIXE TRADICIONAL. Mentres, o popular Moisés Blanco deu as grazas a Mini polo "agasallo" de Nadal, e confesou que antes de acceder ao seu escano no Parlamento non pensaba que coñecería a Mini e menos que o escoitaría cantar unha canción súa no hemiciclo. Na réplica, Mini apelou á orixe tradicional de boa parte do cancioneiro galego. 

Á marxe destas chiscadelas á cultura musical galega, no tocante ao texto, Blanco remitiuse ao dito polo conselleiro de Medio Rural: "Agora toca traballar unidos da man do sector e dentro dunha estratexia nacional", aseverou. 

Comentarios