Detido un empregado dunha estación de servizo no Val Miñor por roubar 47.000 euros

O mozo, de 19 anos, recoñeceu que tiña un problema de ludopatía 

Vehículo repostando nunha estación de servizo. XESÚS PONTE
photo_camera Vehículo repostando nunha estación de servizo. XESÚS PONTE

A Gardia Civil detivo un mozo de 19 anos veciño de Gondomar, empregado dunha gasolineira situada na comarca do Val Miñor, como presunto autor dun delito de apropiación indebida por supostamente quedar con parte da recadación. 

Segundo informou o Instituto Armado, a investigación levada a cabo por efectivos do Posto de Gondomar iniciouse con motivo da denuncia formulada polo representante da gasolineira despois de comprobar que, durante os últimos meses, estaba a notar que os ingresos xerados pola venda do carburante "descenderan substancialmente". 

As mesmas fontes relataron que "posiblemente se debía a que algún dos empregados non depositaba na caixa forte da gasolineira o importe total do diñeiro que recadara durante a súa xornada de traballo". Por este procedemento chegaron a subtraerlle case 47.000 euros. 

As pescudas realizadas pola Guardia Civil centráronse sobre un dos empregados e, despois de obter os indicios que "reforzaban as sospeitas", subliña o Instituto Armado, o luns pasado foi abordado cando se dirixía ao seu vehículo despois de finalizar a súa xornada laboral. 

Ao ser sometido a un rexistro superficial das súas pertenzas, púidose comprobar que levaba consigo 500 euros, que foran subtraídos polo mesmo procedemento.

LUDOPATÍA. Unha vez nas dependencias do Posto de Gondomar, recoñeceu que tiña un problema de ludopatía e que durante estes últimos meses subtraera case 47.000 euros, polo que se procedeu á súa detención como presunto autor dun delito de apropiación indebida. 

Por mor da súa detención puidéronse recuperar 2.845 euros en efectivo e, ademais, interviñéronselle algúns dos obxectos que comprara co diñeiro subtraído, entre eles un quad, un computador portátil, un teléfono móbil de alta gama, un reloxo e un monopatín eléctrico. 

Unha vez instruídas as dilixencias quedou en liberdade coa obrigación de comparecer cando sexa citado no Xulgado de Instrución de garda de Vigo.