Detido por facerse pasar por enfermeiro un home xa condenado por pirómano en Galicia

Impútanselle os delitos de falsidade documental e intrusismo profesional

Un detenido esposado. AEP
photo_camera Un detido esposado. ARCHIVO

Axentes da Policía Nacional detiveron o luns en Madrid un individuo que se facía pasar por enfermeiro para traballar en centros de asistencia a persoas maiores. Segundo indicaron fontes policiais, o arrestado, S.B.L, de 31 anos, xa fora detido en Galicia por provocar varios incendios na provincia de Ourense o verán de 2016, aínda que agora estaba en liberdade vixiada. Tamén constan outros antecedentes por estafa. 

Durante o período de probas a empresa sospeitou da súa actitude e ao comprobar a titulación que presentou xunto ao currículo detectouse a súa falsidade. Ao arrestado impútanselle os delitos de falsidade documental e intrusismo profesional. 

A investigación iniciouse o pasado día 9 por axentes da comisaría do distrito madrileño de Ciudad Lineal. Alí recibiuse unha denuncia na que unha empresa comunicaba a actitude sospeitosa dun traballador que se atopaba en período de probas. O individuo presentara un certificado de pago de taxas para aparentar estar en posesión do título universitario de enfermaría e un certificado como enfermeiro colexiado. 

Finalmente os axentes localizaron a esta persona e tras o seu arresto foi posto a disposición da autoridade xudicial. A investigación continúa aberta por se puidese cometer feitos similares noutros centros. 

Comentarios