Detido por tenencia ilícita de armas un veciño de Rianxo que disparaba pola xanela a un sinal 

Na vivenda do arrestado incautáronse 51 plantas de marihuana, haxix, cocaína e heroína

Armas e drogas que lle foron incautadas. GARDA CIVIL (Rianxo)
photo_camera Armas e drogas que lle foron incautadas. GARDA CIVIL

O Grupo de Información da Comandancia da Guardia Civil da Coruña, no marco do control de armas e explosivos, procedeu á detención dun veciño de Rianxo de 47 anos como presunto autor dun delito de tenencia ilícita de armas

Segundo informou o Instituto Armado, a investigación comezou cando a Guardia Civil tivo sospeitas de que esta persona puidese estar en posesión de varias armas de fogo.  Así, os investigadores observaron no transcurso dos labores policiais que o individuo se dedicaba a disparar desde a súa xanela a un sinal de tráfico, en diversas ocasións "e sen motivo aparente", engaden as mesmas fontes. 

Finalmente, na mañá deste martes procedeuse ao rexistro do domicilio do individuo coa autorización do Xulgado de Instrución Número 2 de Padrón. 

O cultivo das plantas de marihuana realizábao dentro da propia vivenda

No rexistro interveu ademais do Grupo de Información (Usesic), O Servizo Cinolóxico (guía canino) e Intervención de armas. Na actuación procedeuse á aprehensión dunha carabina do calibre 22, tres carabinas de aire comprimido, unha pistola de aire comprimido e un revólver de aire comprimido, así como cartuchería de diverso calibre. 

Tamén se procedeu á incautación de 343 gramos de haxix, 20 gramos de cocaína, 150 gramos de heroína, 51 plantas de marihuana, 1.185 euros e diverso material para preparar o corte da droga e as doses.

OUTROS DELITOS. A Guardia Civil explicou que esta persona xa fora detida con anterioridade por tenencia ilícita de armas. Ademais, impútaselle un delito contra a saúde pública e outro por defraudación de fluído eléctrico. 

Respecto diso, o Instituto Armado concretou que o cultivo das plantas de marihuana realizábao dentro da propia vivenda con todo tipo de lámpadas e sistemas de ventilación, mediante un puenteado do fluído eléctrico do cableado exterior.