jueves. 21.11.2019 |
El tiempo
jueves. 21.11.2019
El tiempo

Díaz, sobre o conflito de En Marea: "Podemos chegar até tempos límites e arranxar as cousas"

Yolanda Díaz. EP
Yolanda Díaz. EP

A deputada chama a "pór os intereses da xente por encima de todo"

A deputada de En Marea no Congreso, Yolanda Díaz, asegurou que a "experiencia" dos procesos da denominada 'unidade popular' xurdida no ano 2012 coa unión de Esquerda Unida e Anova para crear a coalición AGE lle "di" que se poden "arranxar as cousas" chegando "até o último minuto" e, deste xeito, evitar a división en dúas candidaturas de En Marea para as eleccións xerais do 28 de abril. "A experiencia dime que, desde o ano 2012 con AGE, podemos chegar até tempos límites e ser capaces de arranxar as cousas", asegurou este luns a excoordinadora nacional de Esquerda Unida en declaracións aos medios nun acto en Santiago, onde chamou a ter "altura de miras" ante a "ofensiva reaccionaria" que, di, ábrese con este proceso electoral. 

Así, Yolanda Díaz chamou a "pór os intereses da xente por encima de todo", polo que opinou que aínda están a tempo de evitar a ruptura de En Marea para as xerais. Unha posibilidade que, a día de hoxe, parece remota dadas as amplas diferenzas existentes entre os dous sectores que conviven no autodenominado espazo político da unidade popular. 

Díaz criticou que o debate se centre nas fórmulas xurídicas, algo que, segundo a deputada, "a xente non entende"

Por unha banda, o partido instrumental que encabeza Luís Villares presentarase como formación propia e, de feito, xa activou o seu proceso de primarias para elixir candidatos ao Congreso. Pola súa banda, os actores do sector crítico coa dirección de En Marea —Anova, EU, Podemos e as mareas de Ferrol, Santiago e A Coruña— traballan na configuración dunha coalición electoral similar á de 2015 e 2016; fórmula que é rexeitada de pleno por parte de Luís Villares e a cúpula do partido instrumental. 

Este luns, Yolanda Díaz criticou que o debate se centre nas fórmulas xurídicas, algo que, segundo a deputada, "a xente non entende". "Paréceme torpe estar a falar de se partido instrumental, si, ou se coalición, non", apostilou.  Por iso, fixo un chamamento a "antepor os procesos sociais históricos diante do que ás veces gustaría individualmente", porque, segundo Díaz, "o individual é irrelevante". "Os intereses individuais son moi lexítimos pero non caben agora. Calquera que faga hemeroteca atopará que sempre dixen que as fórmulas xurídicas son menores, o importante son as políticas", remarcou. 

Segundo Yolanda Díaz, a "presenza" de En Marea no Congreso "foi histórica"

Así as cousas, evitou concretar sobre se se presentará ás primarias do partido instrumental En Marea como solicitou aos actuais deputados o portavoz orgánico da formación, Luís Villares. "Non traballo así", respondeu Díaz, que asegurou que se debe "ás decisións colectivas".

TRABALLO DOS DEPUTADOS. Así mesmo, defendeu o papel desenvolvido polos deputados de En Marea nas Cortes durante a lexislatura e que foi cuestionado en varias ocasións desde diferentes ámbitos do espazo político, como fixeron o propio Luís Villares ou como expresou o histórico dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras, que afeou a actitude de determinados deputados que chegaron a renegar do proxecto polo que foran electos. 

Beiras apela á construción dunha fronte ampla das forzas de esquerdas ante o contexto actual

Segundo Yolanda Díaz, a "presenza" de En Marea no Congreso "foi histórica" pois "nunca tantas presenzas galegas houbo co protagonismo" que, di, levaron a Madrid os parlamentarios da confluencia. "Quen non o queira entender, é o seu problema", espetou. "Se preguntamos a todos os conflitos e os colectivos galegos, estiveron alí (Madrid) connosco. Non presumo por presumir, foi En Marea quen fixo todo iso", resolveu.

XOSÉ MANUEL BEIRAS. Precisamente a conta oficial de Xosé Manuel Beiras en Twitter publicou este luns unha mensaxe no que apela á construción dunha fronte ampla das forzas de esquerdas ante o contexto actual, na liña da postura expresada o pasado sábado pola dirección da súa formación, Anova. "Nunca como agora, desde 1945 en Europa e 1981 no Estado español, foi tan necesario que nos saltemos os marcos das nosas leiras para arar nunha agra aberta fronte á besta en defensa común dos valores republicanos", di o tuit da conta de Beiras, recollido por Europa Press.

Quinteiro nega  que as tensións do espazo político a nivel orgánico afecten o grupo no Pazo do Hórreo

PAULA QUINTEIRO. Por outra banda, a deputada de En Marea no Parlamento galego Paula Quinteiro tamén se referiu ao debate aberto no espazo da autodenominada unidade popular sobre a fórmula de concorrencia ás xerais. Quinteiro, que pertence á corrente anticapitalista de Podemos Galicia, indicou que concorda coa posición expresada por Anova o pasado sábado a través dun comunicado no que non se menciona a En Marea e no que a organiación nacionalista apela a atopar "fórmulas flexibles" para dar continuidade ao traballo impulsado coa confluencia con EU, Podemos e as mareas municipalistas. 

A parlamentaria sinalou que, ao seu xuízo, debe "articularse a unidade ao redor dun programa e a unhas ideas compartidas" para a conformación dun proxecto "común". Ademais, negou que as tensións do espazo político a nivel orgánico afecten o grupo no Pazo do Hórreo, onde defende que os deputados traballan "con normalidade". 

Díaz, sobre o conflito de En Marea: "Podemos chegar até tempos...
Comentarios