Domínguez Lino aborda o problema da xeración de lixo nas sociedades modernas

O presidente de Sogama imparte unha conferencia na Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia en torno á reciclaxe
O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino
photo_camera O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino

O presidente da Sociedade Galega do Medio Ambiente, o pontevedrés Javier Domínguez Lino, impartiu na Aula de Formación da Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE Galicia), unha conferencia sobre o modelo de xestión de residuos urbanos polo que apostou a compañía pública dependente da Xunta de Galicia e ao que se atopan adscritos a meirande parte dos concellos galegos (295 do total de 314), aglutinando unha poboación atendida superior aos 2.260.000 habitantes.

No transcurso da súa intervención, o máximo responsable de Sogama abundou na problemática que, a día de hoxe, representa a xeración de lixo para as sociedades modernas, así como na normativa vixente na materia, que ten o seu máximo expoñente no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e que Sogama complementa coa recuperación enerxética da parte non reciclable, relegando o vertedoiro á última opción, tal e como recomenda Europa.

Tamén explicou a infraestrutura industrial coa que conta a empresa para levar a cabo o seu cometido e dará unhas pinceladas sobre a xestión dos residuos na contorna comunitaria, diferenciando entre os países máis avanzados, nos que se impón a valorización enerxética da fracción non reciclable, e os menos avanzados, onde cobra protagonismo o vertido, co seu negativo impacto ambiental.

AVAL DA COMISIÓN EUROPEA. Domínguez Lino deu a coñecer o apoio que, desde as súas orixes, recibiu o proxecto Sogama por parte da Comisión Europea. Primeiro, mediante a concesión de 72,21 millóns de euros procedentes dos Fondos de Cohesión e, anos máis tarde, a través dunha avaliación ex post, cuxos resultados foron publicados en 2012, aludindo aos beneficios ambientais, económicos e sociais da compañía.

Neste sentido, e a nivel ambiental, o informe destaca a súa contribución ao peche dos vertedoiros ilegais e a adopción dunha tecnoloxía de valorización respectuosa co patrimonio natural e a saúde; económicos, pola creación de emprego e a produción e venda de electricidade, contribuíndo ao mesmo tempo ao aforro de combustibles, ao mercado da reciclaxe e ao desenvolvemento do capital humano; e sociais, polo fomento da cohesión territorial e un alto nivel de transparencia informativa, que se reforza de forma permanente con campañas educativas dirixidas á cidadanía.

A EDUCACIÓN AMBIENTAL. Domínguez referiuse así, entre outras iniciativas de concienciación e sensibilización, ao programa de compostaxe doméstica impulsado pola empresa desde o ano 2010, e ao que se adscribiron 155 entidades, entre concellos, centros escolares e colectivos sociais, procedendo ao reparto de máis de 4.700 composteiros. A través destas actuacións péchase o ciclo da reciclaxe da materia orgánica nas propias vivendas unifamiliares, elaborando un compost que os usuarios utilizan a posteriori como fertilizante natural de alta calidade nas súas hortas, xardíns e terras de cultivo.

Dado que os restos orgánicos representan,  no cómputo global do lixo producido nos fogares, en torno ao 42%, resulta evidente que recuperando esta taxa en orixe, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, permitindo aos concellos que reduzan o importe da factura pagar á empresa pública.

O programa de visitas a Sogama, polo que pasaron máis de 65.000 persoas, proxectos tales como Recíclate con Sogama, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, ou Separemos ben, reciclaremos mellor, no que colaboran distintos sistemas integrados de xestión de residuos, ou ben os cursos de formación dirixidos a distintos sectores sociais, constitúen, entre outras, algunhas das iniciativas de sensibilización nas que vén traballando a entidade co obxectivo de implicar á veciñanza na xestión racional e responsable dos refugallos que producen cada día.

Comentarios