lunes. 23.09.2019 |
El tiempo
lunes. 23.09.2019
El tiempo

Dun lado, Galicia; do outro, case

Carretera en el límite de las provincias de León (Barjas) y Lugo (Pedrafita)
Carretera en el límite de las provincias de León (Barjas) y Lugo (Pedrafita)
Veciños dunha beira e outra da fronteira entre Lugo, León e Asturias comparten cultura e lingua ► Os lindes administrativos entre as comunidades impoñen distancias insalvables en moitos casos

"Cebreiro! Faro! Iribio! Cervantes! Ancares! Capeloso! Montouto! Rebolo! Cumes mouros do Courel! Serras longas de Oencia e Val di Orras!" Así marcaba Novoneyra, nun dos poemas de Os Eidos, un territorio. A medida, a ollada: "Eu son esto que vexo e que me vei". E tamén a lingua, unha lingua co mesmo son dun lado e doutro do monte Capeloso.

Sen embargo, dun lado do monte estamos en Galicia. Do outro, en Castela e León. A fronteira non se ve por ningún sitio. As vacas pastan entre Lindoso (León) e Veiga de Brañas (Lugo). Os mesmos tellados de lousa brillan contra o sol da tarde en Outeiro (Lugo) e La Treita (León). A auga abrolla da mesma fonte para os veciños de Argenteiro (León) e Rubiais (Lugo). Sen embargo, nun lado a pista está asfaltada, no outro, non. Nun lado o galego é lingua oficial, no outro, non. Hai matrimonios de veciños que poderían ser só de aldeas diferentes do mesmo país. Pero son de comunidades autónomas distintas. E a administración pareceu teimar en facelo sentir, en subliñar esa raia que non coñecía a terra. Por iso ás veces, para ir a unha aldea veciña hai que dar longas voltas.

Os defensores do galego no exterior contabilizan 47 concellos onde se fala, cunha poboación duns 60.000 habitantes


As situacións que provoca esta fronteira entre Lugo e León poden extrapolarse á meirande parte dos lindeiros da provincia. A afinidade cultural e lingüística cos concellos máis próximos de Castela (das provincias de León e Zamora) e de Asturias fixo que sempre se cuestionaran as fronteiras administrativas de Galicia, sobre todo naqueles territorios galegofalantes, coñecidos como Galicia estremeira, ou Galicia irredenta, cando sobre eles paira tamén a reivindicación política de incorporación. Castropol, Santiso de Abres, Santa Eulalia de Oscos, Taramundi, Grandas de Salime, Ibias, Candín, Vega de Espiñareda, Balboa, Barjas, Oencia, Hermisende, As Portelas e un longo
etcétera.

Os seus defensores falan dun total de 47 concellos, cunha poboación aproximada de 60.000 habitantes. Deles, preto de 25.000 estarían no Bierzo, e 196 no concello de Barjas. Barxas, porque é así como lle chaman os seus veciños, incluído o alcalde, Alfredo de Arriba, nado en Busmayor, a catro quilómetros do Courel e a doce do Cebreiro. E pouco tempo cómpre na casa consistorial para comprobar que calquera que se achegue usa máis o x galego que o j castelán.

"Aquí temos nome para todo", di dunha terra que tamén se multiplica en leiras, hortas, fontes, reboleiras. Sen embargo, nese x o Goberno de Castela e León só parece ler unha tacha. "Barjas. Non nolo deixan escribir doutro xeito".

Porén, defender o galego non debe confundirse con defenderse como galegos. Aínda que a consigna que vencella un estado (ou nación) cunha soa lingua segue activa, as fronteiras políticas non coinciden coas lingüísticas. O galego tamén é lingua de León, de Asturias, de Zamora e de Extremadura. "As palabras, como os paxaros, voan sobre as fronteiras", dicía Castelao.

Sen dúbida, a terra que máis pesa dun lado e doutro da balanza do Capeloso é Galicia, pero en Barjas a xente séntese do Bierzo, a única terra coa consideración de comarca en Castela. "Hai un proceso de identidade berciana, que está relacionada co recoñecemento da provincia do Bierzo no século XIX. Foi un discurso político, pero calou profundamente no berciano do século XX. Hoxe falan de ser bercianos tanto no Bierzo de Balboa como na parte máis castelanfalante", indica Héctor Silveiro, representante do galego do Bierzo na Real Academia Galega.

"Coa desmembración dos territorios galegofalantes do antigo reino de Galicia, no século XVII, a fronteira vaise marcando máis cara a Pedrafita do Cebreiro", engade. Aínda así, esa fronteira non a marcaron os veciños, que ían ás mesmas feiras e se entendían na mesma lingua, nin a terra. Pero son eles os que padecen as consecuencias de ter un pé en Galicia e outro en Castela.

Dun lado, Galicia; do outro, case
Comentarios