A dura resaca do sábado noite

trafico_2.jpg
photo_camera trafico_2.jpg

"Hoxe son independente”, pensa Pablo. Hoxe é sábado noite, así que hai que prepararse para o ritual de cada fin de semana. Xa se sabe, “amigos, amigas, sesión de baile e algunha que outra copa, pero sen pasarse, claro”. Pero este non é un sábado calquera, porque hoxe seus pais préstanlle por primeira vez o coche dende que sacou o carné hai tres meses.

Acabouse ter que buscar taxis ou estar pendente dos amigos para volver a casa. Non lle asusta a situación, aínda que si sente certo nerviosismo. É consciente dos perigos de conducir con temeridade, pero nin se imaxina que os accidentes de tráfico son a primeira causa de mortalidade entre os máis novos. Ou que en 2005 as estradas se quedaron coa vida de case 1.400 mozos en España, a maioría deles durante as noites das fins de semana.

É entre as 11 da noite e as 6 da mañá cando se dan a maioría dos accidentes que sofren os condutores noveis. Exceptuando as campañas especiais de Nadal, Semana Santa ou verán, estes son os momentos de maior traballo para os efectivos de Tráfico que non dan abasto ante os milleiros de vehículos que van e veñen aos diferentes núcleos de marcha.

Segundo datos da DGT, un de cada tres accidentes mortais é provocado por menores de 30 anos, unha cifra excesivamente elevada se consideramos o numero de conductores desta idade.

Infractores novatos
Segundo un estudo da aseguradora Linea Directa, detrás das causas dos accidentes dos mozos escóndense hábitos de condución radicalmente diferentes aos de seus pais. A xeración de Pablo fai un uso importante do coche para o lecer e as saídas nocturnas, o que crea unha situación complexa: o cansazo aliado coa inexperiencia. E non falemos se ademais engadimos alcol ou drogas.

Os menores de 25 anos son o grupo de idade con máis infraccións por exceso de velocidade, duplicando a taxa dos adultos, o que indica unha menor percepción do risco e unha sobrevaloración da súa capacidade de reacción.

Isto non só provocará un maior número de accidentes, senón unhas consecuencias máis graves. Segundo a Asociación de empresas aseguradoras de España, UNESPA, un sinistro provocado por un rapaz de 18 anos ten polo xeral unhas repercusións 3 veces máis graves que a media, considerando os danos físicos e os gastos económicos ocasionados.

Diferencia entres sexos
As cifras esconden ademais realidades moitas veces vinculadas con outros tópicos sociais. Nestes accidentes que implican a mozos, o 90% son provocados por homes, dato no que se apoian as aseguradoras para xustificar as tarifas máis baratas para as mulleres.

Considerando que non existen diferencias significativas entre o número de condutoras e condutores, as razóns deben atoparse máis alá de simples prexuízos sociais. Segundo un estudo da Facultade de Psicoloxía da Universidade de Valencia, as mulleres terían bioloxicamente unha maior percepción do risco, o que podería explicar máis prudencia ao volante.

Nos mozos en cambio seguiría presente a vella idea da velocidade asociada a risco e virilidade, algo que as diferentes campañas de sensibilización aínda non foron capaces  de desterrar, tal e como recolle o estudo do RACC publicado este ano. Se a isto engadimos o efecto do alcol ou drogas para consolidar esta conduta viril, o resultado da ecuación é un cóctel fatal. Esquemas sociais e tabúes que necesitan anos de educación vial entre os máis novos para ser erradicados.

Plans de actuación
A incidencia especialmente tráxica dos accidentes de tráfico en Galicia foi recoñecida polo propio Ministerio de Interior que presentou no mes de xullo un plan integral para a nosa comunidade. Pola contra, a alta siniestralidade en mozos é unha problemática común a toda a Unión Europea, con máis de 10.000 falecidos cada ano na zona dos Quince. Para paliar a situación, o Programa de Acción Europea de Seguridade Vial propón intensificar os controis de tráfico, especialmente do de consumo de alcol e de velocidade.

Mellorar o transporte público é outra das claves que recomendan os estudos sobre seguridade vial. En moitas cidades de España xa se implantaron buses "moucho", que percorren as cidades durante toda a noite para que as saídas de marcha non rematen en traxedias. En Galicia, Política Territorial está fomentando o Noitebús. Despois dunha experiencia piloto en Semana Santa, verán e Nadal, na que máis de 29.000 rapaces fixeron uso del, agora os concellos poderán poñelo en marcha de forma estable.

Comentarios